Novas Novas

Atrás

O CIS Madeira contribúe a conservar o patrimonio en madeira da Catedral de Santiago

O CIS Madeira contribúe a conservar o patrimonio en madeira da Catedral de Santiago
18/02/2021

Despois de máis de 10 anos de traballos de restauración e rehabilitación, a Catedral de Santiago de Compostela abriu de novo as súas portas amosando un novo esplendor de cara ao Xacobeo 2021.

Entre os moitos valores que alberga a Catedral, atópase un importante patrimonio cultural en madeira. Para contribuír á súa conservación, XERA CIS-Madeira e a Fundación Catedral asinaron un acordo de colaboración que contempla o asesoramento por parte dos técnicos do CIS Madeira, Manuel Touza e Azahara Soilán, en aspectos relacionados coa diagnose, recuperación de estruturas e recomendacións de deseño construtivo, entre outros.

Algunhas destas actuacións foron presentadas por Manuel Touza no Congreso Lignomad celebrado en Santiago de Compostela, nunha ponencia sobre algunhas das intervencións realizadas polo CIS-Madeira na Catedral de Santiago de Compostela (ver a ponencia).

Descricións dos traballos

Entre outras accións analizouse o estado dos xugos das campás Maior e a Prima Salomé, realizouse un asesoramento no deseño e cálculo das estruturas das capelas A Branca, Mondragón e Pilar, unha diagnose do estado da estrutura do baldaquino, unha análise do estado da balaustrada do ciborio, unha diagnose da estrutura das cubertas do Pazo Arcebispal etc.

Resultados

Os resultados permitiron manter numerosos elementos orixinais como os xugos de carballo das campás inspeccionadas, que continúan cumprindo a súa función máis de tres séculos despois de ser erixidos.

Noutros casos, como nas cubertas absidais, a madeira estrutural de castiñeiro substituíu as cubertas existentes realizadas con outros materiais, e que presentaban numerosos problemas de infiltracións.

De especial interese foi a diagnose da estrutura do baldaquino que descubriu un importante problema de consideración estrutural que puido ser reparado.

A Televisión de Galicia mostrou no programa "Descubrindo a Catedral de Santiago" o resultado da restauración realizada.