A Xunta impulsa unha nova convocatoria de axudas para mellorar o coñecemento e a competitividade dos profesionais galegos da industria forestal-madeira

XERAsavia

O Goberno galego destina 500.000 euros a esta iniciativa que se vén convocando anualmente desde 2018 e da que no ano 2024 se beneficiaron máis de 1.500 profesionais do sector

Santiago de Compostela,

A Axencia Galega da Industria Forestal – Xera, dependente da Consellería de Economía e Industria, vén de publicar no Diario Oficial de Galicia (DOG) unha nova convocatoria do programa de axudas para a organización de actividades formativas non regradas para impulsar o coñecemento e mellorar a competitividade dos profesionais da industria forestal-madeira galega. As novas bases do Xera-Savia son o resultado do traballo conxunto do Goberno galego cos profesionais do sector e a súa cadea de valor co fin de adecuar a oferta formativa ás necesidades reais.

Estes apoios están dirixidos a asociacións, organizacións, fundacións de interese galego e entidades sen ánimo de lucro, que teñan base asociativa e sexan representativas da cadea de valor da industria forestal-madeira; a agrupacións empresariais innovadoras (AEI) representativas da cadea de valor da industria forestal; e a colexios profesionais vinculados ás titulacións de Enxeñería de Montes e/ou Enxeñería Técnica Forestal, así como a outros colexios profesionais cando as actividades subvencionables se correspondan coa promoción e o desenvolvemento de competencias en materia de construción en madeira e teñan acubillo nas competencias profesionais dos colexiados do devandito colexio. Así mesmo, tamén poderán optar a estas axudas os centros universitarios cando realicen actividades de promoción e desenvolvemento de competencias profesionais en materia de construción en madeira.

O obxectivo do programa Xera-Savia, que arrancaba no ano 2018, pasa por mellorar e reforzar as habilidades profesionais para incrementar a competitividade e o coñecemento en todas as fases da cadea de valor, ao tempo que se contribúe a unha concienciación colectiva do carácter estratéxico, innovador e moderno da industria forestal-madeira, e nunha peza esencial na transición cara ao novo modelo de economía circular, favorecendo a participación dos axentes clave na divulgación da utilidade da madeira e os seus produtos derivados.

A actual convocatoria do programa de axudas para a formación non regrada dos profesionais do sector inclúe como novidade, ademais da recuperación da liña de actividades de divulgación relacionadas coa industria forestal-madeira, o incremento da axuda máxima concedida por beneficiario, pasando dos 60.000 euros da convocatoria anterior, aos 70.000 euros da actual. Así mesmo, establécense contías máximas para os custos das actividades de entre 300 e 500 euros/hora en función da tipoloxía da actuación e simplifícase a tramitación das solicitudes.

Tres liñas de actividades

As bases da actual convocatoria contemplan varias liñas de traballo: a primeira inclúe a organización de actividades formativas non regradas de carácter específico como másters ou cursos relacionados coa industria forestal-madeira que aborden, entre outras, as habilidades e coñecementos na execución de aproveitamentos madeireiros e non madeireiros (resina ou castaña), tratamentos silvícolas e no uso de maquinaria forestal; manexo de maquinaria de primeira transformación e do coñecemento dos procesos industriais de serra, secado, clasificación da madeira e tratamentos preventivos e curativos que contribúan á súa valorización comercial ou no manexo de maquinaria de segunda transformación.

A segunda liña facilitará a realización de actividades formativas non regradas de carácter transversal que aborden a seguridade e saúde laboral nos procesos da cadea de valor deste sector; as competencias para o manexo de software e TIC neste ámbito; ou as habilidades directivas e formación en métodos de xestión, dirección, comercialización e márketing, incluíndo formación en materia de xénero e de acoso laboral, entre outros.

E a terceira liña, que se recupera novamente nesta edición logo da súa supresión en 2024, vai dirixida á organización de actividades de divulgación como xornadas, conferencias, seminarios, charlas ou visitas instrutivas en colexios, universidades ou outros centros, para dar a coñecer as vantaxes ambientais do uso da madeira e da súa contribución á sustentabilidade e a economía circular; os novos usos da madeira na construción; os materiais derivados da madeira e as súas últimas innovacións e aplicacións; ou as necesidade de certificación (PEFC e FSC) da xestión forestal, implantación da cadea de custodia e dilixencia debida, así como métodos para monitorizar a orixe e destino da madeira ou o papel da muller na industria forestal-madeira, entre outras cuestións.

Desde o ano 2018, concedéronse preto dun centenar de axudas (82)  para a organización de accións formativas non regradas e de divulgación. Na última convocatoria, a correspondente ao ano 2024, resultaron beneficiarias 14 asociacións e se puxeron en marcha 59 actividades formativas das que se beneficiaron 1.500 asistentes.

 

>> Máis información

Imágenes relacionadas