Benvida Benvida

O compromiso firme de Europa de non superar en 1,5 graos o quentamento global e a ambición por converterse no primeiro continente neutro no ano 2050 constatan unha realidade innegable: estamos diante dunha emerxencia climática. Lembremos que nese ano 2050 haberá máis de 9.700 millóns de humanos no planeta, todos eles precisarán alimentos, vivendas e enseres básicos como a roupa ou calzado. As decisións que tomemos agora repercutirán de xeito directo no benestar e saúde da nosa seguinte xeración.

Perante este escenario, podo afirmar con rotundidade que nos atopamos na “Idade da Madeira”. E nesta época que vivimos, Galicia ten por diante unha das maiores oportunidades para situar a cadea de transformación da madeira como un sector estratéxico na economía, saúde e benestar de todas as galegas e galegos.

A substitución continuada de materiais con alta pegada de carbono ou hídrica por madeira é irreversible; vestiremos roupa e calzado procedente de fibras téxtiles, usaremos baterías orgánicas aproveitando a lignina das nosas árbores, e a madeira ou seus derivados serán o compoñente predominante nas novas construcións en altura. Como consecuencia, haberá unha superdemanda que suporá un reto de enormes dimensións para Galicia. Será necesario contar con este recurso endóxeno en cantidade suficiente para que a demanda de subministración se satisfaga, deberemos coñecer canto e onde hai recurso, pero tamén se está dispoñible e pode mobilizarse. O 35% das parcelas catastrais das actuais parcelas piloto do Inventario Forestal Continuo de Galicia (IFCG) son de propietario descoñecido ou ilocalizable; podemos, pois, dispor de recurso, pero isto non supón que poidamos mobilizalo.

Unir o produto co recurso, ao silvicultor co transformador, semella hoxe, máis que nunca, imprescindible, dificilmente o sector forestal poderá asumir os investimentos necesarios para adaptarse a estas demandas sen unha clara seguridade na subministración do recurso, a Consellería do Medio Rural cooperará coa industria da madeira para asegurar recurso en cantidade e calidade, pero tamén, e así nos obriga esta sociedade do século XXI, respectando a sustentabilidade e a biodiversidade dos nosos bosques. Importa o material pero tamén a súa historia e orixe, demostrar a procedencia da madeira de bosques xestionados de xeito sustentable é unha obriga, non unha opción.

O equipo que formamos na Axencia da Industria Forestal de Galicia nos comprometemos a traballar sen descanso por acadar este reto que compartimos todos os axentes da cadea monte-industria galega, entendendo sempre o noso lugar e asumindo as nosas responsabilidades.

 

Jacobo Aboal Viñas, director da Axencia Galega da Industria Forestal.