Axencia Galega da Industria Forestal

Ata o 20% das edificacións impulsadas polo Goberno autonómico empregarán madeira na súa estrutura, unha porcentaxe que irá medrando gradualmente a partir de 2024

Fachada Sergude

O Consello da Xunta tamén avaliou onte a Guía para fomentar a madeira na contratación pública de edificacións sustentables, deseñada para facilitar o uso deste material ás administracións que así o desexen nas súas licitacións

González remarcou as vantaxes técnicas, económicas e de sustentabilidad derivadas do uso da madeira estrutural, ademais do retorno: cada euro investido neste material supón outro no circuito rexional, efecto que se multiplica co emprego de produto local

A Xunta sitúa as novas fachadas ventiladas de madeira do centro formativo de Sergude como exemplo da aposta do Goberno autonómico por este material

Sobre as obras de Sergude, dotadas nesta fase con 3,4 millóns, o conselleiro insistiu na importancia de modernizar e ampliar as instalacións para atender á demanda e avanzar en criterios fundamentais de eficiencia enerxética e sustentabilidade

Estas actuacións enmárcanse no proxecto “O espello do rural galego”, que converterá este complexo nunha reprodución visitable da ordenación do territorio buscada pola Xunta para o noso rural, a través do forestal, gandeiro e agrícola

Boqueixón,

O conselleiro do Medio Rural, José González, constatou onte o avance das obras levadas a cabo no Centro de Formación e Experimentación Agroforestal (CFEA) de Sergude.  

José González estivo acompañado polo director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, o director da Axencia Galega da Industria Forestal, Jacobo Aboal, e o alcalde de Boqueixón, Ovidio Rodeiro. Ademais, estiveron nesta visita ao centro, situado en Quián, os arquitectos do proxecto -deseñado por César Portela, Magdalena-Arousa Portela, Jorge Salgado e Celso López- e o propio director do CFEA, Juan Carlos Ferreras.

Nesta primeira fase do proxecto de Sergude, dotadas con 3,4 millóns de euros, o titular do Medio Rural resaltou a importancia de avanzar nunhas obras enfocadas na mellora das actuais instalacións e a construción dun novo edificio para os estudantes, permitindo ampliar o número de prazas da residencia -de 52 a 82- .

González recalcou que con esta actuación búscase que o alumnado deste CFEA, “futuros traballadores do rural galego”, poidan formarse nunhas instalacións modernas, sustentables e que atendan a criterios de eficiencia enerxética.

Tanto o novo edificio en construción como as instalacións reformadas contarán cunha fachada ventilada en madeira. “Estas dúas envolventes amosan, con feitos, a nosa aposta por impulsar o emprego de madeira estrutural como ferramenta de sustentabilidade, ademais de contribuír á potenciación do noso sector forestal”, dixo José González.

Ata un 20% das edificacións impulsadas pola Xunta contarán con madeira estrutural
Nesta mesma liña, ata o 20% das edificacións impulsadas polo goberno autonómico empregarán madeira na súa estrutura, unha porcentaxe que irá medrando gradualmente a partir do ano que ven.  

E dentro desta aposta, o Consello da Xunta avaliou onte a Guía para fomentar a madeira na contratación pública de edificacións sustentables, co fin de facilitarlle ás administracións que así o desexen o uso deste material na licitación pública de edificios sustentables.

O uso da madeira estrutural na construción constitúe un eixo clave nas políticas de descarbonización e, ademais de por razóns técnicas e sociais, ten un potente retorno económico: cada euro investido neste material supón outro euro no circuíto rexional, nun efecto que se multiplica co emprego de madeira local.

En paralelo ao fomento da demanda pública, e dentro do mesmo compromiso co sector forestal, a Xunta de Galicia habilitará en 2024 unha liña de dous millóns para seguir promovendo o emprego de madeira estrutural en edificacións de particulares e empresas.  

Obras realizadas en Sergude
A renovación destas instalacións estase a facer atendendo aos criterios de sustentabilidade e eficiencia enerxética. Ademais, servirá para responder á demanda existente para a residencia do centro, en consonancia coa oferta do CFEA. O centro conta actualmente con máis de 130 alumnos de ciclos formativos, cursando o grao superior de Gandaría e asistencia en sanidade animal e o grao medio en Aproveitamento e conservación do medio natural, ambos en réxime ordinario presencial. Tamén o grao medio de Produción agropecuaria (tamén ordinario presencial) e o grao medio en Produción agroecolóxica (réxime modular de persoas adultas na modalidade presencial).

Con respecto ao conxunto do proxecto, o conselleiro recordou que o obxectivo é crear o “Espello do rural galego”, un espazo que propicie unha visión global do que é o noso medio rural, dende o punto de vista agropecuario, forestal e hortofrutícola, comezando nunha primeira fase pola mellora das instalacións formativas e residencias.

Así, o pazo de Quián e a súa contorna converteranse no futuro nunha reprodución visitable da ordenación do territorio que se pretende para o rural galego cos seus tres usos fundamentais: forestal, agrícola e gandeiro.

Imaxes relacionadas