O Consello da Xunta avaliou hoxe o informe da Consellería do Medio Rural sobre a resolución das axudas aos investimentos en tecnoloxías forestais, procesamento, mobilización e comercialización de produtos forestais e as achegas á valorización e á segunda transformación da industria forestal galega e do contract.
Así, aprobáronse un total de 150 expedientes de axuda por importe total de case 16,5 millóns de euros.
Os beneficiarios foron pequenas e medianas empresas (incluídas as persoas autónomas) da industria forestal e do contract radicadas en Galicia que utilicen a madeira e os seus derivados, así como asociacións, organizacións, fundacións e entidades sen ánimo de lucro.
Ambas liñas de axudas están encadradas dentro dos obxectivos da Axenda de impulso da industria forestal-madeira, coa que se busca consolidar as pemes que conforman este sector.
O Consello da Xunta avaliou hoxe o informe da Consellería do Medio Rural que dá conta da resolución de dúas liñas de axudas xestionadas pola Axencia Galega da Industria Forestal, que buscan mellorar a competitividade da industria forestal galega. Así, aprobáronse un total de 150 expedientes de axuda por importe total de case 16,5 millóns de euros, o que suporá un investimento público-privado mobilizado de 48 millóns de euros.
Concretamente, na liña de axudas aos investimentos en tecnoloxías forestais, procesamento, mobilización e comercialización de produtos forestais houbo 116 beneficiarios que recibirán unha subvención de 14,1 millóns de euros. No caso da liña de achegas á valorización e á segunda transformación da industria forestal galega e do contract (conxunto de actividades orientadas ao deseño, fabricación, subministración e instalación de equipamento integral para construcións de uso colectivo) aprobáronse 34 expedientes por importe de 2,4 millóns de euros. En ambos casos falamos do maior importe convocado e concedido en cada unha destas liñas de achegas por parte da Axencia Galega da Industria Forestal.
Os beneficiarios foron pequenas e medianas empresas (incluídas as persoas autónomas) da industria forestal e do contract radicadas en Galicia que utilicen a madeira e os seus derivados, a resina, a cortiza ou outros produtos de orixe forestal. Ademais, este ano tamén foron beneficiarias as asociacións, organizacións, fundacións e entidades sen ánimo de lucro que tivesen base asociativa e prestasen os ditos servizos, sexan representativas ou estean relacionadas coa cadea de valor da industria forestal-madeira. En todos os casos, os beneficiarios desenvolven a súa actividade en Galicia.
Axenda de impulso da industria forestal-madeira
Ademais, cabe ter en conta que ambas liñas de axudas están encadradas dentro dos obxectivos da Axenda de impulso da industria forestal-madeira, promovida pola Axencia da Industria Forestal en 2019 e revisada no ano 2022. O obxectivo que se busca con estas achegas é consolidar as pemes que conforman este sector, permitíndolles gañar en competitividade e apostando por procesos de produción con menor impacto ambiental. Neste senso, a Axenda de impulso é unha folla de ruta deseñada conxuntamente cos principais axentes para potenciar o sector e impulsar a bioeconomía como motor de competitividade, favorecendo unha sociedade saudable, neutra en carbono, baseada no emprego verde e no consumo de produtos locais.