Lorenzana anuncia axudas para empresas do sector forestal-madeira que suman máis de 16 M€

HGR
  • Serán aprobadas no Consello da Xunta do vindeiro luns e son as tres principais ordes de axuda da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera) para, entre outras cousas, maquinaria, acondicionamento de instalacións, tecnoloxías, certificacións ou formación
  • Lorenzana lembra que a Xunta está elaborando o plan director so sector cuxo borrador foi presentado ao Consello do pasado 19 de xaneiro e recolle medidas e actuacións para fortalecer a competitividade desta industria clave en Galicia

Oza-Cesuras,

 

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, anunciou hoxe que nos vindeiros días sairán publicadas no Diario Oficial de Galicia as tres principais ordes de axuda da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera) para este ano, que será aprobadas no Consello da Xunta do vindeiro luns. Suman 16,5 millóns de euros e van dirixidas á modernización do sector, á formación e á valorización da madeira e outros produtos de orixe forestal.

Así o adiantou nunha visita que realizou a Maderas Hermanos García Rocha acompañada do director da Axencia Galega da Industria Forestal; unha empresa familiar, precisou, que é o terceiro serradoiro da provincia da Coruña en termos de consumo de madeira de piñeiro (o 9º a nivel Galicia) que foi beneficiario en diferentes convocatorias deste apoios.

Lorenzana explicou que un dos programas de axudas que se vai convocar proximamente é o Xera-tecno (11 millóns de euros), con diferentes liñas para a compra de maquinaria; o acondicionamento de instalacións; para equipamento de aproveitamento da biomasa, a castaña ou a resina; ou, entre outras, para a implantación de tecnoloxías de rastrexabilidade e medición do inventario forestal, nas que se inclúen vehículos aéreos non tripulados. Poden acadar un máximo de entre 50.000 e 200.000 euros en axudas.

Outro dos programa é o Xera-valor (4,5 millóns de euros), para empresas da segunda transformación da madeira con varias liñas para, por exemplo, a compra de maquinaria de deseño e fabricación de mobiliario ou de elementos para a construción. Tamén para tecnoloxías de automatización e dixitalización de procesos, ou para maquinaria específica para tratamentos, secado e acabados; certificacións, ecoinnovación ou seguridade e saúde laboral. As axudas poden alcanzar un máximo de entre 60.000 e 250.000 euros.

En terceiro lugar, nos vindeiros días tamén se vai abrir o prazo de solicitude das axudas Xera-savia (0,5 millóns de euros), para actividades formativas ou divulgativas con subvencións de ata 70.000 euros.

A conselleira lembrou que a Xunta está elaborando un plan director para o sector forestal madeira cuxo borrador foi presentado ao Consello do pasado 19 de xaneiro e que recolle medidas e actuacións para fortalecer a competitividade deste sector clave en Galicia.

A industria forestal-madeira abrangue unhas 3.000 empresas e conta con máis de 13.600 persoas ocupadas. Factura máis de 2.400 millóns de euros ao ano e representa arredor do 1,7 por cento do PIB galego. É un sector que, en sete comarcas galegas, figura entre as tres primeiras actividades industriais e que representa o 5,5 por cento da cifra de negocio total da industria galega (case 3 millóns de euros).

Imaxes relacionadas