Son axudas que poden chegar ata o 70 por cento do gasto subvencionable e que cobren a utilización de produtos en madeira en obra nova, rehabilitación ou reforma tanto de naves e establecementos como de vivendas unifamiliares; así como a redacción dos respectivos proxectos
Explica que a Xunta leva convocado esta liña de apoios (bienal) desde o 2020, que foi subindo en orzamento ata acadar na última convocatoria (2022-2024) os 5 millóns de euros que se prevén, tamén, para a vindeira
Avoga por seguir dando impulso en Galicia á construción industrializada en madeira
O Porriño, 31 de Marzo de 2026
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, anunciou hoxe que a Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), aprobará antes do verán unha nova convocatoria da liña de axudas para fomentar a construción en madeira, dotada con 2 millóns de euros para 2026.
Lorenzana visitou hoxe no polígono da Granxa (O Porriño) a empresa Enpezas, dedicada á construción modular en madeira. Alí explicou que a Xunta leva convocado esta liña de apoios (bienal) desde o 2020, que foi subindo en orzamento ata acadar na última convocatoria (2022-2024) os 5 millóns de euros que se prevén, tamén, para a vindeira. Nesa última edición resultaron beneficiados 250 pemes e particulares. E, desde 2020, foron 589 os beneficiarios cun importe total de 9 millóns de euros.
Son axudas que poden chegar ata o 70 por cento do gasto subvencionable e que cobren a utilización de produtos en madeira en obra nova, rehabilitación ou reforma tanto de naves e establecementos como de vivendas unifamiliares; así como a redacción dos respectivos proxectos. É unha liña de apoios pioneira en España que, de feito, foi obxecto de interese por parte doutras comunidades autónomas.
Lorenzana avogou por seguir dando impulso en Galicia á construción industrializada en madeira, tendo en conta que a comunidade autónoma concentra preto do 50 por cento da produción de madeira de España e que ten capacidade para exportar sistemas construtivos e solucións industriais completas.
Segundo dixo, Enpezas é o exemplo de como a construción industrializada introduce tecnoloxía, planificación e novos procesos produtivos desde o deseño ata a execución da obra. E, tamén, de como permite reducir prazos, investimento e residuos.