Lorenzana anuncia un investimento de 2,5 M€ en 2026 para seguir promovendo a madeira na construción

Amiuka

Salienta que a maioría dos proxectos promovidos por pemes e autónomos están vinculados a actividades de aloxamento temporal ou uso hoteleiro

Destaca que o vindeiro ano o orzamento da Xera crecerá un 23,7 por cento ata os 24 M€, coa previsión de poñer en marcha, tamén, a futura Fundación de Investigación Forestal

O Pino,

 

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, anunciou hoxe que a Xunta vai investir o vindeiro ano un total de case 2,5 millóns de euros na liña de axudas para promover o uso da madeira na construción, que na pasada convocatoria permitiu realizar 244 proxectos que se están a executar en 174 concellos de Galicia.

Lorenzana, acompañada do director da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), Alfredo Fernández Ríos, visitou hoxe no concello do Pino (A Coruña) o hotel Amiuka, beneficiario desta liña de apoios, que emprega madeira de piñeiro galego nos seus espazos interiores.

Na visita, a conselleira explicou que estas axudas permiten revalorizar un sector e unha materia prima como a madeira contribuíndo, por un lado, á descarbonización e industrialización da construción; e, por outro, a protexer os montes facéndoos máis produtivos.

O programa deseñado pola Xera ten carácter bianual e na pasada convocatoria (2024-2025) recibiu 682 solicitudes, case o dobre que na anterior. Trátase de axudas dirixidas a pemes e autónomos, cooperativas, asociacións, organizacións, fundacións e entidades sen ánimo de lucro; así como persoas físicas, sexa de xeito individual ou en conxunto. As contías van desde os 15.000 euros por proxecto no caso das persoas físicas, ata os 120.000 no caso de obras en execución por empresas promotoras de edificacións en altura, unha novidade nesta convocatoria que conta por primeira vez cunha partida específica para este tipo de construcións.

Por tipo de beneficiario, a metade dos proxectos (122) foron de pemes e autónomos  para nova construción, rehabilitación ou reforma de vivendas en altura, de naves e de establecementos de negocio, con máximos de ata 35.000 ou 70.000 euros por proxecto. A outra metade foron investimentos de persoas físicas, para nova construción, rehabilitación ou reforma de vivendas unifamiliares, cun tope de 15.000 e 45.000 euros segundo a porcentaxe de madeira empregada; cando menos, do 20 por cento.

Cómpre sinalar, ademais, que se a madeira empregada conta co seu certificado de xestión forestal que acredite a súa trazabilidade e é de orixe galega, ou leva a marca de garantía Pino de Galicia, a intensidade de axuda pode chegar ao 70 por cento do gasto subvencionable (de non ser así atoparanse no 50 por cento).

Con respecto ao tipo de actuación, un 48 por cento é de obra nova. E, atendendo aos usos, a maioría das pemes e autónomos beneficiarios promoven proxectos e obras vinculadas a actividades de aloxamento temporal ou uso hoteleiro, como é o caso.

Lorenzana adiantou que esta liña ten continuidade nos Orzamentos de 2026, onde o presuposto da Xera crece un 23,7 por cento ata os 24 millóns de euros, que se destinarán, ademais de para a liña de construción en madeira, para as habituais de valorización e tecnoloxías forestais. Ademais, as partidas recollidas para innovación forestal, en total, suman 1,5 millóns de euros, e van servir para reforzar os traballos de mellora forestal e ofrecer alternativas á situación sanitaria do piñeiro, ao cal vai contribuír, tamén, a futura Fundación de Investigación Forestal que se vai poñer en marcha.

Imaxes relacionadas