A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, visitou hoxe as instalacións de Maderas Lata
Indica que esta liña de apoios ascende nesta convocatoria a 4,4 M€ de fondos propios da Xunta de Galicia para dar apoio aos serradoiros máis grandes que non poden acceder ás axudas do Plan Estratéxico da Política Agrícola Común (PEPAC)
Trátase dun programa de axudas que se suma ao que a Xunta xa convocou este ano para investimentos en tecnoloxías forestais, procesamento e comercialización de produtos en madeira por importe de máis de 13 M€
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, avanzou hoxe que o Consello da Xunta do vindeiro luns aprobará as axudas da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera) para serradoiros e empresas transformadoras da madeira, co fin de fomentar a dixitalización, a ecoinnovación e a mellora da seguridade e saúde tanto neste sector como no contract.
Lorenzana visitou hoxe en Vedra (A Coruña) as instalacións de Maderas Lata, onde indicou que esta liña ascende nesta convocatoria a 4,4 millóns de euros de fondos propios da Xunta de Galicia para dar apoio aos serradoiros máis grandes que non poden acceder ás axudas do Plan Estratéxico da Política Agrícola Común (PEPAC) porque superan unha capacidade máxima de transformación de 20.000 m³ de madeira.
Trátase dun programa de apoios que se suma ao que a Xera xa convocou este ano para investimentos en tecnoloxías forestais, procesamento e comercialización de produtos en madeira por importe de máis de 13 millóns de euros. Maderas Lata resultou beneficiario en anteriores edicións por unha contía de máis 470.000 euros para investimentos de 1,2 M€ que lle permitiron modernizar as súas instalacións.
“Temos que apoiar o sector nesa remuda tecnolóxica e en todo o que son os investimentos necesarios para ir, pouco a pouco, mellorando as súas industrias”, recalcou a conselleira, quen lembrou que a cadea forestal-madeira “é clave para o rural galego porque está asentada en todo o noso territorio”. Un sector, engadiu, que aproveita un recurso natural de Galicia, unha das claves da estratexia industrial que está seguindo a comunidade autónoma.