Axencia Galega da Industria Forestal

Lorenzana avanza que o xurado elixirá en novembro o gañador do concurso para a reforma do Pazo de Lourizán

María Jesús Lorenzana, conselleira de Economía e Industria con Jacobo Aboal, director da Axencia Galega da Industria Forestal
  • A conselleira de Economía e Industria puxo en valor o proxecto de rehabilitación integral do edificio cun orzamento estimado de máis de 17M€ ata 2026

  • A Xunta pretende iniciar as obras o vindeiro ano para rematar a recuperación do edificio histórico en 2027 e acometer a maior inversión do Goberno galego en Pontevedra despois da ampliación do hospital de Montecelo

  • Os oito deseños arquitectónicos finalistas formarán parte dunha exposición aberta ao público que inaugurará a Xunta en Pontevedra

Santiago de Compostela,

 

No mes de novembro darase a coñecer o gañador do concurso para a reforma do Pazo de Lourizán en Pontevedra. Así o avanzou a conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, no encontro que mantivo esta mañá cos membros do xurado deste certame de ideas que promove o Goberno galego.

Despois da visita, Lorenzana puxo en valor o proxecto de rehabilitación integral do Pazo, que contará cun orzamento estimado de máis de 17M€ ata 2026. A Xunta pretende iniciar as obras no ano 2025 para rematar a recuperación do edificio histórico en 2027 e acometer a maior inversión do Goberno galego en Pontevedra despois da ampliación do hospital de Montecelo. Deste xeito, a titular de Economía e Industria lembrou que se trata dun proxecto moi ilusionante para Galicia e para Pontevedra.

Por outro lado, Lorenzana confirmou que a Xunta inaugurará na cidade do Lérez unha exposición aberta ao público formada polos oito deseños arquitectónicos finalistas do concurso. Deste xeito, o Goberno galego cumpre a súa intención de que a cidadanía poida ver os distintos proxectos propostos e coñecer os criterios que definen a elección do gañador. Ademais da exposición, o fallo emitirá tres premios e accésit aos finalistas restantes.

A futura reforma, explicou a conselleira de Economía e Industria, comprende o tratamento integral dos edificios históricos, que datan de finais do século XIX, e que, xunto cos xardíns, ocupan unha extensión de máis de 45 hectáreas. O proxecto de rehabilitación contempla a construción dun hotel de catro estrelas, unha área de exposicións na planta baixa, un espazo público multiusos, así como un punto de encontro para a ciencia e a empresa forestal.

Por último, Lorenzana lembrou que a Finca de Lourizán, onde se empraza o pazo, tamén é a sede do Centro de Investigacións Forestais, integrado agora na Axencia Galega da Industria Forestal (Xera). Así, esta iniciativa permitirá darlle unha nova vida e novos usos a este recinto, sen perder a vinculación co sector forestal de Galicia, xa que desempeña un papel fundamental na investigación aplicada á cadea monte-industria, así como na dinamización da axenda socio-cultural e económica da provincia.