A conselleira de Economía e Industria clausurou hoxe o VI Encontro Intersectorial do Ecosistema Forestal Piñeiros 26
Santiago de Compostela, 20 de Outubro de 2026
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, avogou hoxe en Santiago por converter a construción en madeira nun dos motores da transformación do sector forestal en Galicia.
Lorenzana clausurou o VI Encontro Intersectorial do Ecosistema Forestal de Galicia Piñeiros 26, organizado pola Fundación Arume na Cidade da Cultura, onde subliñou a necesidade de seguir traballando para transformar a construción en demanda industrial para a cadea forestal-madeira galega. “Galicia parte cunha vantaxe evidente pois temos a materia prima e temos tecido industrial sobre o que construír esa evolución”, dixo.
Na súa intervención, explicou que a Administración debe acompañar o sector e ao mesmo tempo desempeñar un papel fundamental como xeradora de demanda, que é o labor que está a desenvolver a Axencia Galega da Industria Forestal (Xera) coa incorporación da madeira aos edificios públicos e a promoción de proxectos que permitan ás empresas adquirir experiencia, desenvolver solucións e acreditar a súa capacidade industrial.