Explica que se trata da terceira liña de apoios que ten aberta a Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), Xera-tecno, que ascenden a 11 M€, con axudas máximas que oscilan entre os 200.000 e os 50.000 euros
Destaca que Maderas Besteiro “é unha empresa representativa do que supón investir, transformar a industria e, sobre todo, modernizala para que cada vez poida ser máis produtiva e poida competir na realidade actual”
Lugo, 20 de Febreiro de 2026
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, informou hoxe de que ata o vindeiro 20 de marzo as empresas do sector forestal-madeira xa poden solicitar as axudas da Xunta para a adquisición de nova maquinaria, equipamento e para o acondicionamento de instalacións.
Nunha visita a Maderas Besteiro, Lorenzana explicou que se trata da terceira liña de apoios que ten aberta a Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), Xera-tecno, que ascenden a 11 millóns de euros, con axudas máximas que oscilan entre os 200.000 e os 50.000 euros.
A convocatoria establece cinco liñas: para a compra da maquinaria necesaria para realizar tratamentos silvícolas (podas, desbastes e rareos); para o acondicionamento e instalacións en parques intermedios de rolla ou biomasa e á compra de maquinaria para a corta e desembosque de madeira; para adquirir equipamentos para o aproveitamento comercial da castaña ou a resina; para a primeira transformación da biomasa e da madeira, onde se inclúen equipos portátiles para a clasificación estrutural da madeira e maquinaria e instalacións de primeira transformación, entre outros; e para medición, rastrexabilidade e caracterización da madeira obxecto de aproveitamento, no que se inclúen equipos de medición de inventario forestal, vehículos aéreos non tripulados e os seus accesorios como cámaras LIDAR, entre outros.
Sobre Maderas Besteiro, destacou que “é unha empresa representativa do que supón investir, transformar a industria e, sobre todo, modernizala para que cada vez poida ser máis produtiva e poida competir na realidade actual”, dixo. Dá emprego a preto de 100 persoas e afronta agora un novo salto industrial con investimentos próximos aos 4 millóns de euros destinados a automatización, eficiencia enerxética e mellorar da seguridade industrial, cunha aposta clara pola construción en madeira.