A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, reuniuse hoxe en Santiago con membros do Clúster da Madeira e o Deseño de Galicia (CDM) para trasladarlles o compromiso do Goberno galego coa cadea monte industria, así como as posibilidades de crecemento dun sector fundamental para a economía galega.
Neste senso, o encontro serviu para abordar, entre outras cuestións, o futuro plan director do sector forestal, que estará orientado á sustentabilidade, competitividade e modernización e que se centrará especificamente na industria forestal-madeira de Galicia. Outro dos asuntos analizados foi a creación da futura fundación para o fomento da investigación forestal que a Xunta vai impulsar co obxectivo de incrementar a actividade investigadora, a transferencia tecnolóxica e a xeración de recursos neste campo e que virá a reforzar a actividade de investigación do Centro de Investigacións Forestais de Lourizán e do Centro de Innovación e Servizos da Madeira.