A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, reuniuse hoxe en Santiago con membros do novo padroado da Fundación Arume, unha fundación que ten entre os seus obxectivos a promoción do valor e o uso dos montes galegos e o fomento do consumo da madeira de coníferas de Galicia en todos os ámbitos.
No encontro abordáronse vías de colaboración para seguir apoiando á cadea monte-industria na Comunidade Autónoma, toda vez que a Fundación contou con apoios da Consellería de Economía e Industria por importe de preto de 230.000 euros desde o ano 2020 para o desenvolvemento e execución dunha estratexia de diferenciación de produtos elaborados con madeira de piñeiro; estudo e proposta de acción en materia de produción de alto valor baseados no piñeiro de Galicia; e para actividades formativas.