A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, visitou a planta do Grupo Rodiñas en Curtis
Aposta por seguir acompañando e impulsando á industria que traballa cos recursos naturais de Galicia
Destaca que na actualidade a cadea forestal-madeira supón o 12% do emprego industrial na Comunidade
Avoga por continuar traballando no obxectivo da Xunta de que o 20% das edificacións da Administración pública galega se fagan en madeira
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, subliñou hoxe que Galicia é un referente en elementos estruturais mixtos de formigón e madeira e enxalzou o “gran futuro do Grupo Rodiñas pola súa diversificación e internacionalización para apoiar a axilidade na construción que é un elemento clave no desenvolvemento das estruturas da industria”.
Lorenzana, acompañada pola delegada territorial da Xunta, Belén do Campo, visitou a planta que Rodiñas ten en Curtis onde insistiu en que “para nós é fundamental continuar acompañando e impulsando a industria que traballa cos recursos naturais de Galicia”, dixo. Segundo explicou, esta empresa está xa traballando en toda España e aquí en Galicia, “por exemplo no Centro de Protonterapia de Galicia ou na nova planta de Estrella Galicia que inauguramos onte mesmo”, destacou.
Nesta liña, apuntou que a madeira está presente como industria e como sector “no 95% dos concellos de Galicia e que actualmente a cadea forestal-madeira supón o 12% do emprego industrial da nosa Comunidade”.
Por iso, tal e como sinalou, “temos que seguir traballando no obxectivo da Xunta de que o 20% das edificacións da Administración pública galega se fagan en madeira e para iso está vixente unha liña de axudas de 5 millóns de euros”.
Ademais, avogou pola importancia da innovación, e neste marco, puxo en valor o convenio asinado entre o Goberno galego e a Plataforma da Madeira Estrutural da USC por importe de 350.000 euros “para continuar traballando nos estudos de investigación e tamén no fomento do uso da madeira en construción”, dixo.