A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, asinou hoxe un convenio de colaboración coa Fundación Catedral de Santiago de Compostela
De acordo ao convenio asinado hoxe, o CIS-Madeira prestará todo o asesoramento técnico necesario nos labores de restauración que se van levar a cabo na balaustrada do cimborrio e na estrutura de madeira da Torre do Reloxo, así como na construción dun novo xugo para a campá da Berenguela
Lorenzana enxalza o “extraordinario” labor dos técnicos do CIS-Madeira e “o coñecemento tan profundo que teñen” dos diferentes usos deste material, tanto en proxectos de conservación e restauración como en nova construción
Lembra que tamén está colaborando na rehabilitación do Pazo de Lourizán, en Pontevedra
Santiago de Compostela, 8 de Maio de 2026
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, recoñeceu hoxe que a conservación do patrimonio histórico é unha moi boa oportunidade para visibilizar a versatilidade estética e a durabilidade da madeira empregada na construción.
Así o manifestou hoxe durante a sinatura do convenio de colaboración entre a Axencia Galega da Industria Forestal (Xera) e a Fundación Catedral de Santiago de Compostela. Un convenio en virtude do cal, o CIS-Madeira prestará todo o asesoramento técnico necesario nos labores de restauración que se van levar a cabo na balaustrada do cimborrio e na estrutura de madeira da Torre do Reloxo, así como na construción dun novo xugo para a campá da Berenguela.
Lorenzana enxalzou o “extraordinario” labor dos técnicos do CIS-Madeira e “o coñecemento tan profundo que teñen” dos diferentes usos deste material, tanto en proxectos de conservación e restauración como en nova construción. Ao respecto, lembrou que tamén está colaborando na rehabilitación do Pazo de Lourizán, en Pontevedra.
O acordo asinado hoxe, sen custo económico e cunha duración de catro anos, dá continuidade ao que a Xera, de quen depende o CIS-Madeira, e a Fundación Catedral de Santiago de Compostela xa asinaran en 2018. Daquela restaurouse o baldaquino (na capela maior) con vigas de madeira de castiñeiro, os xugos de carballo da Torre das Campás, e tamén se interveu nas capelas absidiais da cabeceira do templo -A Branca, Mondragón e O Pilar- e na cuberta de madeira de carballo de Santa María A Antiga da capela da Corticela.
O CIS-Madeira, con sede no Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole) no polígono de San Cibrao das Viñas (Ourense), é un centro especializado nos diferentes usos da madeira que, entre outras actividades, leva cabo proxectos de I+D+i, asistencias técnicas e formación de profesionais no sector da construción en madeira, tanto no eido da rehabilitación e o patrimonio como en obra nova.