O Goberno galego destina preto de 4,4 millóns de euros ao programa Xera-Valor, cuxos fondos medraron un 11 % nesta convocatoria co obxectivo de pechar o ciclo produtivo na comunidade.
A liña de apoios, deseñada cos principais axentes do sector, está dirixida principalmente ás pemes da industria forestal-madeira e inclúe 6 liñas con importes de ata un máximo de 60.000 euros, que no caso das liñas 1 e 2, poden alcanzar os 250.000 euros
Esta última convocatoria da resposta a dúas cuestións fundamentais: atender as necesidades de moitos serradoiros galegos que non poden acceder a outras axudas e facilitar os investimentos en tratamentos térmicos para combater os danos causados polo nematodo do piñeiro
O Consello da Xunta coñeceu esta mañá a resolución da última convocatoria do programa Xera-Valor, da que se poderán beneficiar máis de 70 empresas do sector forestal-madeira que poderán desenvolver proxectos para a valorización, segunda transformación e ecoinnovación de produtos forestais, así como para a mellora da seguridade e saúde no ámbito laboral da industria forestal e tamén do contract. A iniciativa está impulsada pola Axencia Galega da Industrial Forestal (Xera), dependente da Consellería de Economía e Industria, e destinará nesta convocatoria 4,4 millóns de euros, un 11 % máis que na anterior.
O programa Xera-Valor recibiu preto dun centenar de solicitudes (98) das que se admitiron a trámite 82. Delas, serán 71 finalmente as que se poidan beneficiar destes apoios cuxos obxectivos pasan por poñer en valor e pechar o ciclo produtivo dos recursos forestais na comunidade a través do impulso da segunda transformación, de maneira que se aproveitan as oportunidades que está a xerar o incremento de produtos derivados da madeira en diversos eidos como o da construción. Os apoios están destinados ás pemes do sector forestal-madeira así como ás asociacións da cadea de valor e empresas que presten servizos de transporte de mercadorías por estrada, e de pemes de calquera sector que desenvolvan solucións ecoinnovativas con madeira.
En canto á intensidade das axudas, é do 50 % ata un máximo de 60.000 euros en todas as liñas agás no caso de actuacións encadradas nas liñas 1 e 2, que ascende a 250.000 euros. Ademais, os apoios poden ser do 70 % no caso da liña 3 se a actuación consume servizos web da Xunta ou se se trata de proxectos que empreguen a ferramenta gratuíta de rastrexabilidade FORTRA.
No que respecta ás seis liñas de axuda incluídas nas bases deste ano, cómpre lembrar que a Liña 1 Competitividade e valorización, está destinada á adquisición de novo equipamento para a transformación de produtos de orixe forestal non alimentario, así como para os procesos de secado e doutros tratamentos e acabados da madeira. Conta cun orzamentos de 750.000 euros. Mentres, a Liña 2, Mobiliario, contract e construción, facilita a compra de maquinaria nova vinculada ao deseño e fabricación de mobiliario e á fabricación de elementos para a construción. A partida reservada ascende a 750.000 euros tamén. Estas dúas liñas son as de maior peso inversor na convocatoria deste ano.
No caso da Liña 3 Dixitalización, que foi a liña que recibiu un maior número de solicitudes nesta edición, resérvanse 250.000 euros para a xestión integral, dixitalización de procesos e sistemas para a xestión do ciclo de vida, ciberseguridade, intelixencia artificial ou automatización e sensorización, entre outros.
A Liña 4, Certificacións, ensaios e informes, que conta con 150.000 euros de orzamento, está dirixida á implantación e certificación da cadea de custodia de produtos forestais, de normativas de calidade e de xestión ambiental, informes, servizos, bens de equipo, tecnoloxías e obras de acondicionamento necesarios para a obtención de certificados ou selos de calidade e medioambientais. Tamén para marcas colectivas rexistradas ou para a implantación do marcado CE de produtos de orixe forestal, entre outros.
A Liña 5 Seguridade e saúde na contorna laboral está dirixida á incorporación de servizos para a implantación e certificación do estándar ISO 45001 – xestión da seguridade e saúde no traballo- ou medidas para reducir os riscos de orixe e propagación de incendios, para o que conta cunha partida de 400.000 euros. E, finalmente, a Liña 6 Ecoinnovación está destinada ao ecodeseño de produtos ou materiais con madeira, a implantación de solucións de economía circular, así como para introducir ferramentas que permitan analizar diferentes aspectos ambientais nas fases do ciclo de vida. O orzamento desta liña ronda os 150.000 euros.
Este ano, e como novidade, se incorporou a posibilidade de acceso a aqueles serradoiros que superen unha capacidade máxima de transformación de 20.000 metros cúbicos de madeira en rollo ao ano, xa que na actualidade tiñan limitado o acceso á axudas do Plan estratéxico da política agraria común (PEPAC) en virtude dunha normativa europea. Así mesmo, incluíronse axudas para afrontar as consecuencias provocadas polo nematodo do piñeiro, unha das principais pragas que afecta a esta especie.
Estas achegas están enmarcadas dentro dos obxectivos da Axenda de impulso da industria forestal-madeira, deseñada conxuntamente cos principais axentes do sector para potenciar o sector e impulsar a bioeconomía como motor de competitividade.