María José Gómez reafirma a aposta da Xunta pola xestión forestal ordenada e sustentable

Lugo madera

Durante a súa intervención na Asemblea Ordinaria de Lugo Madera a conselleira do Medio Rural puxo en valor a relevancia do sector forestal e da madeira en Galicia, ao que cualificou como unha das grandes fortalezas económicas da comunidade

Gómez fixo referencia a diversas iniciativas impulsadas pola Xunta neste eido, como o Plan Forestal de Galicia 2021-2040, o Programa Estratéxico do Castiñeiro ou o impulso ás agrupacións forestais de xestión conxunta e á silvicultura produtiva

Lembrou o compromiso da Xunta en eidos como a sanidade forestal, a investigación ou a formación, que contribúen a consolidar o papel de Galicia como potencia forestal

Vilalba,

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, reafirmou hoxe a aposta do Goberno autonómico por unha xestión forestal ordenada e sustentable que, afirmou, axuda a loitar contra o abandono. Fíxoo durante a súa intervención na Asemblea Ordinaria de Lugo Madera, que tivo lugar hoxe no concello lucense de Vilalba.

Neste acto, no que estivo acompañada pola directora xeral de Planificación e Ordenación Forestal, Luisa Piñeiro; polo director da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), Alfredo Fernández; e polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Alfonso Villares; puxo en valor a relevancia do sector forestal e da madeira en Galicia, ao que cualificou como unha das grandes fortalezas económicas da comunidade.

Neste sentido, destacou o papel da provincia de Lugo neste ámbito, tanto pola súa capacidade forestal, a súa industria transformadora e a capacidade de xerar actividade ao longo de toda a cadea da madeira. Salientou tamén que Galicia se atopa nun momento decisivo da súa política forestal, xa que se está a consolidar un modelo máis ordenado, profesional e produtivo.

Seguindo esta liña, Gómez fixo referencia a diversas iniciativas impulsadas pola Xunta a prol do sector forestal, como o Plan Forestal de Galicia 2021-2040 “Cara á neutralidade carbónica”, o Programa Estratéxico do Castiñeiro ou o impulso ás agrupacións forestais de xestión conxunta e á silvicultura produtiva, entre outros. Así, puxo de relevo a actual estratexia do Goberno galego, que pasa por avanzar cara unha mellor transformación industrial para xerar máis valor engadido no territorio.

Xa para rematar, lembrou o compromiso da Xunta en eidos como a sanidade forestal, a investigación ou a formación, que contribúen a consolidar o papel de Galicia como potencial forestal.