Medio Rural destinará 8 M€ no 2026 a reforzar a sanidade forestal, máis do dobre que este ano

Lugomadera
  • A titular da Consellería explicou que o obxectivo deste esforzo orzamentario en tratamentos fitosanitarios é garantir o bo estado de saúde das especies e a resiliencia do monte
  • Agradeceu o traballo diario das máis de 270 empresas que integran Lugomadera e puxo de relevo que o monte e as súas producións constitúen un piar esencial da economía galega, reflexo tamén da Galicia Calidade
Lugo,

 

A Consellería do Medio Rural destinará no 2026 un total de oito millóns de euros a actuacións relacionadas coa sanidade forestal, máis do dobre que no 2025. O obxectivo é garantir o bo estado de saúde das especies e a resiliencia do monte, tal e como sinalou hoxe a titular do departamento, María José Gómez, na súa intervención de clausura da asemblea de Lugomadera.

Neste acto, no que estivo acompañada polo director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan, e polo director da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), Alfredo Fernández, a conselleira puxo en valor a colaboración público-privada neste eido. O obxectivo, indicou Gómez, é “seguir consolidando unha industria forestal potente, líder en Europa e capaz de aproveitar todo o potencial que temos”. Incidiu ademais en que a madeira e o monte son “a expresión máis clara do que Galicia Calidade quere transmitir ao mundo: excelencia, sustentabilidade e compromiso”.

Nesta liña, a conselleira quixo agradecer o traballo diario das máis de 270 empresas que integran Lugomadera e puxo de relevo que o monte e as súas producións constitúen un piar esencial da economía galega, tanto pola súa facturación —preto de 2.500 millóns de euros anuais— como polos miles de empregos que xera, uns 20.000 en total.

Asemade, Gómez apelou ao consenso do sector para seguir mellorando a produtividade do monte e mesmo invitou aos diferentes axentes deste eido a que lle trasladen propostas neste sentido, porque -remarcou- Medio Rural é unha Consellería “coas portas sempre abertas” aos sectores produtivos do agro galego.

Plan Forestal

A conselleira amosou, así mesmo, que o Goberno galego é consciente dos retos que afronta o sector e lembrou a folla de ruta compartida para conseguilos, que é a 1ª revisión do Plan Forestal de Galicia 2021-2040 “Cara á neutralidade carbónica”, con vistas á planificación, ordenación e xestión sostible.

A titular de Medio Rural destacou que nos centros de formación e investigación dependentes da Consellería, así como no CIF de Lourizán, ofrécese formación específica e faise investigación para mellorar as prácticas forestais. Porque -subliñou Gómez- “sabemos que hai que producir máis e mellor, pero sempre coidando o medio ambiente; facendo un uso intelixente dos nosos recursos, combinando coníferas, frondosas e eucaliptos baixo criterios técnicos e ambientais sólidos”, concluíu.