Axencia Galega da Industria Forestal

O DOG publica a convocatoria de axudas para fomentar a utilización de madeira na construción

Ferrol_doninos
  • Estas achegas teñen como fin contribuír á loita contra o cambio climático, fomentar a prevención e xestión forestal sustentable e activa do territorio galego, afondar en políticas de eficiencia enerxética e achegar confort, saúde e benestar a aquelas persoas que vaian habitar edificacións construídas en madeira
  • Poderán ser beneficiarias aquelas pequenas e medianas empresas, incluídas as persoas autónomas, e as comunidades de montes, asociacións, cooperativas, organizacións, fundacións e entidades sen ánimo de lucro; así como as persoas físicas, sexa de xeito individual ou unha pluralidade delas
  • O prazo de presentación de solicitudes permanecerá aberto a partir de mañá, día seguinte a esta publicación, ata o 2 de maio de 2024 ou ata o esgotamento dos fondos asignados no caso de que se produza con anterioridade a esa data
Santiago de Compostela,

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución mediante a cal se establecen as bases reguladoras paras as axudas para a realización de proxectos e obras que empreguen madeira como elemento estrutural na construción, dotadas cun orzamento de 5 millóns de euros.
Estas achegas están enmarcadas dentro dos obxectivos da Axenda de impulso da industria forestal-madeira e teñen como fin contribuír á loita contra o cambio climático, fomentar a prevención e xestión forestal sustentable e activa do territorio galego, afondar en políticas de eficiencia enerxética e achegar confort, saúde e benestar a aquelas persoas que vaian habitar edificacións construídas en madeira.
Poderán ser beneficiarias aquelas pequenas e medianas empresas, incluídas as persoas autónomas, e as cooperativas, asociacións, organizacións, fundacións e entidades sen ánimo de lucro así como as persoas físicas, sexa de xeito individual ou unha pluralidades. Ademais, como novidade, poderán beneficiarse por primeira vez dunhas axudas destas características as comunidades de montes veciñais en man común.

Actuacións subvencionables
Neste sentido, serán subvencionables aquelas accións vencelladas coa redacción de proxectos e a compra e instalación de produtos de madeira nestas actuacións. No caso de PEMEs, comunidades, cooperativas, asociacións, organizacións, fundacións e entidades sen ánimo de lucro a solicitude de axuda deberá ser para nova construción, rehabilitación ou reforma de naves e establecementos de negocio que empreguen produtos de madeira como elementos estruturais e sempre que cando menos, o 20% do orzamento de execución material do proxecto correspondan a produtos de madeira ou derivados da madeira (incluída súa colocación) que serán utilizados cunha finalidade estrutural, sistemas de compartimentación, envolvente ou acabados, excluíndose para dito computo o uso da madeira nas carpintarías interiores, pavimentos interiores e acabados interiores.
Ademais o uso da edificación proxectada deberá estar destinada a un uso industrial (incluídos os vinculados á transformación e comercialización de produtos agrarios ou forestais), comercial, recreativo, hoteleiro, oficinas, sanitario-asistencial, educativo, cultural ou deportivo.
Por primeira vez neste tipo de convocatorias inclúese unha partida específica destinada ás promocións de construción en altura, onde tamén poderán entrar edificacións con uso residencial dun mínimo de tres plantas.
As condicións son as mesmas para aquelas solicitudes feitas por persoas físicas, sendo neste caso necesario que o uso da edificación proxectada deba estar destinado a un uso residencial.

Prazos
O prazo de presentación de solicitudes permanecerá aberto desde mañá, día seguinte á publicación desta resolución no DOG,  ata o 2 de maio de 2024 ou ata o esgotamento dos fondos asignados no caso de que se produza con anterioridade a esa data.
O prazo máximo para presentar a xustificación das actividades subvencionadas para a anualidade de 2024 -é dicir, dos gastos realizados entre o 1 de xaneiro e o 15 de outubro- finalizará o 15 de outubro; mentres que o prazo de xustificación para a anualidade de 2025 -para aqueles gastos realizados entre o 15 de outubro e o 30 de xuño- rematará o 30 de xuño.
Con todo, a execución da obra non terá que estar rematada no momento de xustificación da solicitude de axuda, sempre que o obxecto de dita axuda é a redacción do proxecto de execución de obra e/ou a compra e instalación do material madeira.