O Plan Conecta FP Galicia, impulsado pola Xunta de Galicia, establece como unha das súas prioridades o sector forestal e da madeira co reto de aumentar a matrícula dos preto de 2000 estudantes que actualmente cursan graos formativos desta familia. Así o puxeron de manifesto hoxe os conselleiros de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, e do Medio Rural, José González, e o presidente da Confederación de Empresarios de Galicia, Juan Vieites, no primeiro encontro no marco deste plan, centrado no sector forestal-madeira e celebrado no Centro Integrado de Formación Profesional (CIFP) Politécnico de Santiago.
Trátase dunha xornada de análise e debate para intercambiar experiencias e afondar na importancia de conectar o mundo académico co empresarial que congrega arredor de 300 persoas entre representantes empresariais de firmas tan destacadas como Finsa, Losan, Santos Equipamiento de Interiores S.L., Viveiro Os Refoxos, Madeiras O Fragueiro, Asefor ou Focus Carpinteiros, entre outros, ademais de directores, dinamizadores e profesorado dos centros que ofertan ensinanzas de Formación Profesional na nosa Comunidade.
Este encontro sectorial é o primeiro dos previstos dentro do Plan Conecta FP, unha iniciativa da Xunta de Galicia, dotada con 30,7M€, para crear nos dous próximos cursos 9.500 prazas para estudar Formación Profesional, así como para impulsar a avaliación e acreditación das competencias adquiridas pola experiencia laboral.
No caso concreto do sector forestal-madeira, é un dos que ten experimentado un crecemento exponencial na FP nos últimos anos, pasando dos apenas 600 alumnos matriculados no curso 12/13 aos preto dos 2.000 actuais. Deles, 144 cursan proxecto de FP Dual, fronte aos 15 que o facían en 2014, para o que contan coa imprescindible colaboración de máis de 80 empresas.
O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, explicou que, precisamente, as accións do Plan Conecta FP partirán da análise dos sectores produtivos a través de encontros como o que se celebra hoxe. “Queremos escoitar as necesidades dun sector produtivo tan estratéxico para a nosa Comunidade como é o do sector forestal e da madeira, que supón ao redor do 1,6% do PIB da nosa Comunidade e que dá traballo directo a máis de 25.000 persoas, sen ter en conta os empregos indirectos”, sinalou o titular de Educación.
“Desde a Xunta de Galicia cremos que o establecemento de sinerxías entre sector educativo e tecido empresarial son imprescindibles no escenario actual”, engadiu, destacando que “a FP galega é sinónimo de prestixio, confianza e utilidade, unha ferramenta útil para avanzar nun maior dinamismo, innovación e competitividade”. Estas ensinanzas, como explicou, “na última década teñen experimentado unha auténtica revolución silenciosa medrando tanto en prestixio como en confianza e que, ademais, rexistran unha inserción laboral por riba do 85%, superando o 97% no caso da FP Dual”.
Pola súa banda o conselleiro do Medio Rural fixo fincapé na aposta da Xunta por conectar o recurso -a madeira- co produto, fundamentalmente a través do labor que realiza a Axencia Galega da Industria Forestal. Todo isto, engadiu, no marco de elementos esenciais de planificación como o Plan Forestal de Galicia “Cara á neutralidade carbónica”, así como o futuro Plan estratéxico da industrias forestal-madeira.
Ademais, González definiu o forestal como un sector con presente e con futuro, ligado á bioeconomía e que precisa de persoal cualificado para atender a empresas tan importantes como as que existen en Galicia. Así mesmo, puxo en valor a “transcendencia para o noso rural” dun eido no que máis de 60.000 familias cortan anualmente madeira por importe de 300 millóns de euros. Por iso, cualificou o monte galego como unha “caixa de aforros” para a xente do rural.
A maiores, o conselleiro salientou a coordinación entre os diferentes departamentos da Xunta en materia formativa, así como a colaboración público-privada neste campo. Definiu ambas como fundamentais para acertar diante do reto de facilitar unha formación que se axuste ás necesidades dunhas empresas forestais “moi potentes” e cuxo futuro pasa, en gran medida, pola vía da formación, remarcou.
O de hoxe é o primeiro dos 19 encontros (cinco sectoriais e 14 territoriais) que a Xunta de Galicia está a organizar ao abeiro do Plan Conecta FP Galicia. De cada unha destas reunións xurdirán outros tantos grupos de traballo que identificarán as necesidades actuais e futuras de formación das empresas, analizarán as posibles transformacións produtivas e a súa implicación nas competencias profesionais, incluíndo as profesións emerxentes, e concretarán os novos perfís profesionais relacionados con empregos futuros.
Froito deste traballo, cada un dos grupos elaborará un plan de acción de formación especializada para os seus ámbito profesionais. Estes 19 documentos conformarán o Plan Conecta FP Galicia, para o establecemento de ofertas de Formación Profesional á medida do tecido produtivo galego 2023-2025, que funcionará como unha ferramenta estratéxica para a definición das ofertas do sistema educativo.
O obxectivo final do plan é xerar unha planificación formativa que dea resposta á rápida evolución de cada sector produtivo, ao que lle ofrecer ás empresas profesionais máis e mellor cualificados para facer a economía galega máis competitiva. Isto redundará, ademais, nunha maior empregabilidade da poboación nova e, no caso da avaliación e acreditación de competencias adquiridas pola experiencia laboral, mellores condicións para o acceso ao mercado de traballo destas persoas.
A través deste plan tamén se pretende incrementar aínda máis a confianza das empresas na FP. De feito, preténdese que o número de empresas colaboradoras con estas ensinanzas se incremente nun 15% cada curso académico e nunha cifra moi superior no caso da FP Dual, onde se prevé un incremento do 74%.
Non en balde, prevese que participen neste plan máis de 10.000 empresas, entre as que se atopan as colaboradoras na formación do alumnado de FP, así como compañías referentes dos sectores significativos. Serán convidadas aos encontros máis de 400 asociacións, clústeres ou entidades vinculadas co sector produtivo, a totalidade das administracións implicadas (consellerías, axencias, fundacións, administracións locais...) e participarán máis de 300 centros educativos que imparten ensinanzas de FP.