O obxectivo é promover a innovación nun sector estratéxico para a comunidade e avanzar cara “un monte diverso, produtivo e que xere riqueza” no territorio
Será unha entidade público-privada, aberta a todas as empresas interesadas
Salienta que o Goberno autonómico duplica a partida reservada para tratamentos e actuacións fitosanitarias nos orzamentos de 2026 ata chegar aos 8 M€
Resalta que o sector da madeira “é unha parte fundamental da Galicia Calidade” polo seu papel na economía galega e á hora de crear emprego no rural
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que o Goberno autonómico constituirá no 2026 unha fundación de colaboración público-privada que servirá de apoio para desenvolver un novo modelo de investigación forestal na comunidade. O obxectivo, tal e como explicou durante o V Encontro Intersectorial do Ecosistema Forestal de Galicia “Piñeros 25”, é impulsar a innovación nun sector estratéxico para a comunidade e avanzar cara “un monte diverso, produtivo, que xere emprego e riqueza en Galicia”.
Durante a súa intervención neste foro, no que estivo acompañado pola conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, e a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, o presidente resaltou que todas as empresas interesadas poderán participar nesta nova fundación coa que se busca consolidar unha industria forestal potente en Galicia que lle permita ser líder e punteira a nivel europeo.
Tal e como explicou Rueda, a Fundación terá dous eixes centrais de actuación: avanzar na mellora, conservación e coidado das especies e apostar pola industrialización do produto aproveitando as oportunidades que ten a madeira en sectores como o da vivenda. Nesta liña resaltou o potencial da madeira “como elemento construtivo, elemento de futuro” que cómpre consolidar tanto á hora de construír novas vivendas como na rehabilitación de inmobles.
Ademais a Xunta apoia ao sector da madeira con outras medidas como axudas específicas para modernizar o sector ou achegas para facer fronte aos tratamentos fitosanitarios contra as pragas. A saúde das especies forestais é unha prioridade para o Goberno galego. Por iso, os orzamentos de 2026 inclúen unha partida de case 8 millóns para tratamentos e outras actuacións sanitarias. Isto supón máis do dobre que o reservado nas contas autonómicas de 2025.
A industria forestal-madeira é un dos motores da economía galega e sitúa a Galicia como referente no sector a nivel estatal. Galicia aglutina máis da metade das cortas de madeira de toda España, o sector xera preto de 20.000 empregos e factura uns 2.500 millóns de euros ao ano. “Polo que supón respecto ao PIB, ao asentamento de traballo nas zonas rurais ou a súa capacidade de combinar tradición e innovación, o sector da madeira é unha parte fundamental desa Galicia Calidade”, indicou o presidente.
Rueda resaltou a importancia da colaboración público-privada neste eido non só para avanzar cara un sector máis innovador e sostible senón tamén no coidado dos montes e na prevención dos incendios forestais. Nesta liña lembrou que o terreo forestal ordenado e aproveitado reduce o risco de lumes e avanzou que a Xunta publicará nas vindeiras semanas a actualización do inventario forestal para seguir mellorando na ordenación do monte galego.