O presidente do Executivo autonómico visitou as instalacións de Finsa en Santiago
Lembra que se trata dun sector estratéxico para a economía galega e que permite dispoñer dun monte ordenado que reduce o risco de lumes
A Xunta duplicará no 2026 a partida para tratamentos fitosanitarios e garantir a boa saúde das especies ata chegar aos 8 M€
Pon a Finsa coma exemplo da aposta por un “I+D+i de primeiro nivel” e lembra que a Xunta creará unha fundación para promover a investigación na industria forestal
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, resaltou hoxe o compromiso do Executivo autonómico coa industria forestal-madeira co obxectivo de consolidar Galicia coma referente neste sector estratéxico que fixa poboación no rural, xera riqueza e emprego no territorio e permite dispoñer dun monte ordenado e en produción que reduce o risco de lumes forestais.
Durante unha visita ás instalacións de Finsa en Santiago de Compostela, acompañado pola conselleira do Medio Rural, María José Gómez, destacou que esta empresa representa o potencial que ten Galicia nun sector como o da madeira e exemplifica a ese tecido empresarial que aposta sempre por medrar e innovar, pero sen esquecer as súas raíces e buscando sempre dinamizar a economía da súa contorna.
“Finsa representa moitas das cousas que nos interesa potenciar en Galicia, cun I+D+i de primeiro nivel e sendo un dos mellores representantes dun sector que é fundamental para a comunidade”, indicou o presidente, quen asegurou que se trata dun bo exemplo “desa Galicia Calidade que ten tantas vertentes”.
A industria forestal-madeira galega é líder a nivel estatal. Para seguir consolidando esta posición, a Xunta apoia a toda a cadea de valor con medidas tanto para protexer a saúde das especies e garantir a ordenación dos montes coma para modernizar e avanzar cara unha industria máis sostible.
O Executivo autonómico vai duplicar nos orzamentos de 2026 a partida para tratamentos fitosanitarios -case 8 millóns de euros- para loitar contra pragas e enfermidades nas especies, facendo fincapé no piñeiro. Ademais, a Xunta destina máis de 15 millóns a labores silvícolas para coníferas, a plantación de frondosas ou a recuperación de soutos e acaba de aprobar a moratoria do eucalipto ata 2030, con dúas medidas de flexibilización, co obxectivo de aumentar a produtividade e evitar o abandono dos terreos forestais.
A Xunta conta con diferentes liñas de axudas específicas para a industria de transformación co fin de axudalos á hora de mercar equipamento, avanzar na sostibilidade e modernización ou deseñar novos produtos.
E ademais, o Executivo galego ultima o Plan director da industria forestal coa finalidade de que estea aprobado a finais de ano e, tal e como indicou Rueda, vai constituír unha fundación para impulsar a I+D+i neste eido coa que busca colaborar man a man co tecido empresarial para buscar solucións aos retos e desafíos que ten por diante o sector.