Santiago de Compostela, 15 de Febreiro de 2026
O Diario Oficial de Galicia publicou dúas das liñas de axuda da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera) para este ano, que suman en total 5 millóns de euros e van destinadas a empresas da primeira e segunda transformación e á realización de actividades formativas no sector.
Trátase, por unha banda, do programa Xera-valor, pensado para aproveitar as oportunidades que está a xerar o incremento de produtos derivados da madeira en diversos eidos como o da construción ou o contract, no que Galicia é punteiro a nivel internacional. Trátase dunha axuda única a nivel estatal cuxo orzamento ascende a 4,5 millóns de euros financiados con fondos propios.
É para empresas da primeira e segunda transformación da madeira con varias liñas para, por exemplo, a compra de maquinaria de deseño e fabricación de mobiliario ou de elementos para a construción. Tamén para tecnoloxías de automatización e dixitalización de procesos, ou para maquinaria específica para tratamentos, secado e acabados; certificacións, ecoinnovación ou seguridade e saúde laboral. As axudas poden alcanzar un máximo de entre 60.000 e 250.000 euros.
Por outro lado, o segundo programa de apoios que hoxe se publica é o Xera-savia, cun orzamento de medio millón de euros para actividades formativas non regradas ou divulgativas con subvencións de ata 70.000 euros. Vai dirixida a asociacións, organizacións, centros universitarios, colexios, fundacións ou agrupacións empresariais innovadoras (AEI) represenativas do sector en Galicia.
A Xunta está elaborando un plan director para o sector forestal madeira cuxo borrador foi presentado ao Consello do pasado 19 de xaneiro e que recolle medidas e actuacións para fortalecer a competitividade deste sector clave en Galicia.