A Xunta aborda coa Asociación Galega de Carpintería de Ribeira novas vías de colaboración para valorizar a construción naval tradicional en madeira

Agalcari

O director da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), Alfredo Fernández Ríos, visita en Rianxo (A Coruña) as instalacións de Astilleros Catoira e destaca a tradición como un piar fundamental para o desenvolvemento da innovación e a xeración de mercados de maior valor engadido para os recursos forestais

Rianxo,

 

O director da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), Alfredo Fernández Ríos, asegurou esta mañá o compromiso da Xunta para poñer en valor e apoiar a construción naval tradicional en madeira, da que asegurou “é unha actividade artesanal dun alto valor ecolóxico que se debería manter como parte do patrimonio marítimo e cultural e para recuperar o pleno sentido produtivo e comercial da actividade”.

Fernández Ríos visitou as instalacións de Astilleros Catoira, na localidade coruñesa de Rianxo, onde mantivo unha reunión de traballo coa Asociación Galega de Carpintería de Ribeira (Agalcari) para coñecer de primeira man a realidade das empresas dedicadas á construción de embarcacións de madeira en Galicia. Neste sentido, o director da Xera gabou a labor que realiza Agalcari desde a súa constitución en 2007, unha entidade que agrupa ao 98 % das carpinterías de ribeira activas actualmente na comunidade, a maioría delas emprazadas na ría de Arousa, que xeran un centenar de empregos directos e preto de medio milleiros indirectos ademais de representar un volume de facturación anual de 10 millóns de euros.

Neste contexto, lembrou a oportunidade que ofrece o emprego da madeira no sector da construción naval para a descarbonización da economía galega, ao tratarse dun material reciclable,  transformado en procesos sustentables cada vez máis optimizados, que ofrece prestacións avanzadas de interese na renovación da flota auxiliar, e que ademais non presenta problemas para o despezamento pola reciclabilidade dos seus elementos.

O director da Xera tamén apuntou á oportunidade de negocio para a cadea monte-industria co emprego de madeira local de piñeiro, carballo ou eucalipto, entre outras. “Preservar os saberes dos carpinteiros e da construción naval tradicional é preservar a nosa historia e identidade  - destacou Fernández Ríos - pero, ademais, é recoñecer o valor da tradición como un piar fundamental para o desenvolvemento da innovación e a xeración de mercados de maior valor engadido para os recursos forestais”.

A visita desta mañá serviu tamén para lembrar que a Xunta, a través da Xera, pon a disposición de empresas e asociacións varias liñas de axuda para a divulgación, mellora da formación e incorporación da tecnoloxía nos estaleiros da que se poderán beneficiar os asociados de Agalcari.

As técnicas construtivas da carpintería de ribeira foron declaradas en 2017 como ben de interese cultural do patrimonio cultural inmaterial de Galicia para recoñecer o seu valor cultural sobranceiro na conformación da identidade do pobo galego e colaborar á concreción de medidas para a súa salvagarda.


 

Imaxes relacionadas