O conselleiro do Medio Rural explicou o impacto positivo que están xerando as políticas de desenvolvemento rural postas en marcha pola Xunta de Galicia
A madeira xogou un papel nuclear en O encontro, un foro empresarial organizado polo Centro de Estudios Universitarios de Galicia (Cesuga)
O conselleiro do Medio Rural, José González, impartiu un relatorio sobre o impacto positivo que están xerando as políticas de desenvolvemento rural postas en marcha pola Xunta en O encontro, un foro empresarial organizado polo Centro de Estudios Universitarios de Galicia (Cesuga). Así, salientou que permitiron recuperar 35.000 hectáreas de terreo en Galicia a través de figuras como as parcelarias, os polígonos ou as aldeas modelo. Ferramentas, explicou, impulsadas a través de textos como as leis de mellora da estrutura territorial de Galicia (Metaga) e de recuperación da terra agraria de Galicia, que -sinalou- se verán tamén reforzadas con futuras normas, actualmente en tramitación, como a Lei da calidade alimentaria ou a Lei de loita integral contra os incendios forestais, a cal completará todo o feito para facer o territorio galego máis resiliente fronte o lume, poñendo especial aceno na prevención.
Toda esta mobilización de terras ten, segundo José González, unha “razón de ser” que pasa por potenciar as producións de calidade. De aí a importancia da futura Lei da calidade alimentaria, que se está acabando de perfilar e que ten como obxectivo dar maiores garantías e impulsar de forma definitiva ás certificacións galegas de calidade. Por último, o titular de Medio Rural puxo tamén de relevo a importancia da planificación, facendo referencia ás diferentes estratexias impulsadas pola Xunta para desenvolver o rural galego. Entre elas, o Plan de pastos e o Programa de recuperación de soutos tradicionais, para continuar coas sectoriais do lácteo, o viño, a carne ou o eido forestal (o Plan Forestal de Galicia), salientando a futura estratexia para a horta e afondando no impulso ao sector forestal a través do Plan estratéxico da industria forestal-madeira.
Doutra banda, o director da Axencia Galega da Industria Forestal de Galicia, Jacobo Aboal, participou nunha mesa redonda que levaba por título "O futuro é de madeira", xuntamente con José Carballo, Presidente de la Fundación Arume, Vanesa Baño, project manager de Innovawood, Silvia Blanco, directora do grao de Arquitectura de Cesuga e moderando David Lorenzo, secretario da marca de garantía "Pino de Galicia". Todos eles expuxeron, dende diferentes enfoques e perspectivas, as razóns e oportunidades que situan á madeira como un biomaterial que xa está a ser chamado como imprescindible nas políticas de descarbonización dos diferentes países e rexións.