A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, reuniuse hoxe co alcalde da Veiga, Juan Anta, con quen abordou as posibles vías de colaboración entre as dúas administracións para impulsar o crecemento económico deste municipio ourensán. E máis concretamente no eido forestal.
Neste sentido, Lorenzana e Anta analizaron a posibilidade de impulsar a industria forestal aproveitando os recursos naturais cos que conta este concello da comarca de Valdeorras. A conselleira de Economía e Industria lembrou que tanto a Axencia Galega da Industria Forestal (Xera) como o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) contan con numerosas liñas de axuda para desenvolver calquera iniciativa xeradora de riqueza e emprego. E, ao fío, apuntou o papel da Oficina Económica como canalizadora de todos os recursos e apoios cos que conta o Goberno galego neste eido.