O director da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), Alfredo Fernández Ríos, comprometeu esta mañá o apoio da Administración galega na cualificación e capacitación técnica do persoal traballador da industria forestal para facilitar a implantación da madeira no sector da construción. “Un elemento natural, renovable, que se pode reutilizar e reciclar e que vai xogar un papel fundamental para axudar no proceso de descarbonización do sector da edificación”.
Fernández Ríos asistiu á inauguración do curso Cálculo de estruturas de madeira, celebrado esta mañá en Lugo en colaboración coa Platafoma de Enxeñería de Madeira Estrutural (Pemade) da USC, unha actividade desenvolvida no marco da liña de axudas Xera-Savia, convocada pola Axencia Galega da Industrial Forestal para o período 2024-2025 e que facilitou a formación dun milleiro de traballadores no ano 2024.
Na súa intervención, o director xeral lembrou que o emprego da madeira na construción aumentou nos últimos anos de xeito importante, tal e como pon de relevo a boa acollida que están a ter as axudas para a realización de proxectos e obras que empreguen este produto como elementos estruturais que convoca cada ano o Goberno galego. E, ao fío, apuntou que nos últimos anos, se pasou de 192 solicitudes no ano 2020, a 682 do ano 2024 co conseguinte esforzo orzamentario, pasando de 1,7 millóns de euros aos 5 millóns de euros da derradeira convocatoria do ano 2024.
Alfredo Fernández dedicou unhas palabras de agradecemento a Pemade, da que dixo “é un referente pioneiro no emprego da madeira na construción, tanto no ámbito da innovación como da caracterización da madeira e formou e segue a formar a distintos profesionais da cadea de valor no emprego da madeira e no cálculo de estruturas”.
A actividade impartida esta mañá e que se desenvolverá ao longo dos meses de xuño e xullo, supón unha oportunidade para ampliar e mellorar o coñecemento sobre estes elementos, o seu cálculo e coñecemento do sector industrial e das obras que se están a levar a cabo: dende a caracterización e clasificación da madeira, pasando polo cálculo de vigas, entramado, naves e muros, ademais do cálculo de sistemas mixtos de madeira-formigón que se están a desenvolver dende PEMADE.