O director da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), Alfredo Fernández, xunto co director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luís Chan, clausura a Asemblea do Grupo Provincial de Rematantes e Serradoiros de Madeiras de Pontevedra
Destaca que se trata dunha industria importante que proporciona emprego e crecemento e xera ingresos a través da produción e a comercialización
José Luís Chan reafirmou o compromiso da Xunta coa procura dun monte diverso e multifuncional
O director da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), Alfredo Fernández Ríos, subliñou hoxe que a Xunta está a apoiar no 2025 ao sector forestal-madeira con máis de 16 millóns de euros en liñas de axuda para as industrias forestais e para o fomento do uso da madeira en construción.
Fernández Ríos, xunto co director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luís Chan, clausurou en Soutomaior a Asemblea do Grupo Provincial de Rematantes e Serradoiros de Madeiras de Pontevedra onde puxo de relevo a importancia da industria forestal-madeira en Galicia “xa que é un sector económico importante que proporciona emprego e crecemento e xera ingresos coa produción e comercialización de produtos forestais e transformados de madeira”, dixo.
Nesta liña, explicou que segundo os últimos datos publicados no Informe da cadea forestal-madeira do ano 2023, para o conxunto da Comunidade, os rematantes venderon madeira por valor de 423 millóns de euros e o serrado facturou uns 365 millóns, ao que hai que engadir que o 95% do concellos de Galicia contan cunha industria forestal.
Ademais, o director avanzou que se están a tramitar novas convocatorias de axudas á valorización; segunda transformación e ecoinnovación de produtos forestais; á dixitalización e mellora da seguridade e saúde da industria forestal galega e do contract; e tamén para a organización de actividades formativas non regradas que impulsen o coñecemento, a competitividade e a innovación da industria forestal galega.
Finalmente, Alfredo Fernández Ríos destacou o labor do Grupo Provincial de Industrias da primeira transformación da madeira para a mellora e impulso do sector; a mellora do capital humano a través da formación; e o impulso da innovación, a cooperación, valorización, competitividade, desenvolvemento e diversificación da industria forestal-madeira.
Pola súa banda, José Luís Chan, recoñeceu o importante labor desenvolvido pola Asociación Provincial de Rematantes e Serradoiros de Madeiras de Pontevedra na transformación de madeira en Galicia, outorgándolle valor engadido.
Chan tamén reafirmou o compromiso da Xunta coa procura dun monte diverso e multifuncional. Ademais, fixo referencia ás diversas liñas de traballo postas en marcha pola Consellería do Medio Rural para fomentar a xestión forestal sustentable, con convocatorias de axudas para promover os servizos ecosistémicos, a creación de superficies forestais ou a silvicultura activa de masas de coníferas, entre outras.
Por último, lembrou a importancia da primeira revisión do Plan Forestal de Galicia 2021-2040 “Cara á neutralidade carbónica”, no que se apoia o Goberno autonómico para acadar un monte ordenado, produtivo, sustentable e xestionado activamente.