O director da Axencia Galega da Industria Forestal, Jacobo Aboal, participou na presentación do proxecto Testawood, que se realiza a partir de madeira de orixe galego
Esta iniciativa foi apoiada pola Xunta polo seu carácter sustentable e o seu impulso á industria forestal-madeira
O proxecto foi subvencionado coas axudas desta Axencia -adscrita á Consellería do Medio Rural- para a ecoinnovación e a dixitalización do sector, que na última convocatoria, correspondente a 2022, estiveron dotadas con 2,5 millóns de euros
A Xunta apoia iniciativas que fomenten o uso da madeira dun xeito sostible e ecolóxico á vez que impulsan o sector forestal de Galicia. Nesta liña, o director da Axencia Galega da Industria Forestal, Jacobo Aboal, participou hoxe na presentación do proxecto Testawood (a parcela atópase nos concellos de Boimorto e Arzúa), que foi subvencionado coas axudas para a ecoinnovación e a dixitalización desta Axencia adscrita á Consellería do Medio Rural.
Estas achegas, que na última convocatoria -feita no 2022- contaron cun orzamento de 2,5 millóns de euros, enmárcanse na folla de ruta deseñada conxuntamente cos principais axentes para potenciar o sector e impulsar a bioeconomía como motor de competitividade, favorecendo unha sociedade saudable, neutra en carbono, baseada no emprego verde e no consumo de produtos locais.
As actividades subvencionables divídense en dous grandes bloques, ecoinnovación e dixitalización. A liña de Ecoinnovación está dirixida a apoiar proxectos destinados a ecodeseñar produtos ou materiais que utilicen a madeira como materia prima, para conseguir desenvolvementos técnicos ou prototipos que melloren a pegada ambiental ao longo do ciclo de vida.
Tamén busca impulsar aqueles proxectos ou solucións de economía circular, encamiñados a previr o malgasto e recuperar o máximo valor dos materiais. Por último, tamén busca introducir ferramentas para a análise dos aspectos ambientais que permitan á empresa identificar e, nalgúns casos, cuantificar os impactos ambientais asociados ás distintas fases do ciclo de vida en procesos produtivos vinculados coa madeira.
Así, dentro desta liña, a Axencia Galega da Industria Forestal apoia os proxectos que presenten solucións innovadoras e sostibles, como é o caso de Testawood, impulsado pola marca Woodna. Aquí, a empresa busca pechar o ciclo da industria forestal dándolle un novo uso ás plantacións coas que contan en Galicia. Deste xeito, como resultado do proxecto, a marca saca á luz un novo parqué de madeira maciza de alta gama creado a partires de madeira de nogueira e cerdeira.
Por outra banda, está a liña de dixitalización, dirixida a apoiar proxectos dende a implantación de sistemas de dixitalización, xa sexa dalgún proceso concreto (por exemplo, interacción con administración pública ou proceso de fabricación) ou de xestión integral, especificamente deseñados, desenvoltos ou adaptados a un proceso concreto dentro do seu ámbito de actividade ata implantar sistemas para o control e/ou mellora dos procesos produtivos.