O director da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), Alfredo Fernández Ríos, participou na inauguración da Semana Forestal 2025
O director da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), Alfredo Fernández Ríos, participou esta mañá na inauguración da Semana Forestal 2025 celebrada na Escola de Enxeñaría Forestal, en Pontevedra, onde puxo en valor a aposta da Xunta polo impulso da madeira como elemento construtivo nas edificacións públicas e a necesidade de formar nesta materia aos profesionais das administracións.
Fernández Ríos, subliñou a importancia de que as futuras enxeñeiras e enxeñeiros forestais conten tanto cunha formación técnica sólida como cun bo coñecemento do entorno no que desenvolverán a súa profesión, toda vez que se trata dunha profesión chea de oportunidades laborais que permite acceder a numerosos e variados postos de traballo e na que, na actualidade, a demanda destes perfís polo mercado laboral é superior ao número de persoas egresadas.
Neste sentido, o director trasladou ao alumnado que eles e elas serán unha panca de futuro fundamental para o rural e para a industria forestal en particular, un sector estratéxico para Galicia, xa que a súa contribución -añadiu- “será clave” para dar resposta aos desafíos que trae consigo o cambio climático e a necesaria evolución cara unha sociedade hipocarbónica baseada na bioeconomía.
A Semana Forestal 2025 conta cun programa de conferencias e actividades promovidas pola Delegación de Alumnos do centro, coa colaboración da Escola e da Vicerreitoría do campus de Pontevedra, que reunirá do 7 ao 10 de abril a estudantes e expertos en torno aos desafíos e oportunidades do sector forestal. O programa pode consultarse neste enlace https://www.uvigo.gal/es/universidad/comunicacion/agenda/semana-forestal-2025.