O director da Axencia Galega da Industria Forestal, Jacobo Aboal, mantivo unha xuntanza co presidente da Fundación RIA-Rede de Innovación Arousa, David Chipperfield; co seu coordinador xeral, Manuel Rodríguez López, e co director do estudo David Chipperfield Architects en Santiago de Compostela, Rodrigo Antón Carrasquer. Alí, Jacobo Aboal anunciou unha convocatoria de axudas para impulsar o uso da madeira no eido da construción. Neste senso, Jacobo Aboal sinalou que se está a traballar intensamente para incorporar a madeira de xeito decidido nas promocións públicas que realice a Xunta de Galicia, entendendo que “xerará un efecto de tracción na promoción privada”. Así, lembrou que se está a preparar unha convocatoria de axudas dirixida a empresas e titulares privados onde os custos na redacción dos proxectos de execución de obra nova, rehabilitación ou reforma así como do custo dos produtos de madeira ou derivados da madeira con finalidade estrutural, envolvente e acabados, e sempre que superen unha determinada porcentaxe, serán obxecto de axudas públicas, de cando menos, o 70%. O obxectivo desta convocatoria, matizou o director, é incentivar o uso na construción da madeira, un material renovable, de proximidade, de baixa pegada en carbono e que está a chamado a xogar un papel fundamental na loita contra o cambio climático. Asemade, o Jacobo Aboal puxo en valor ao tecido empresarial vinculado ao sector forestal e da madeira en Galicia. Durante o encontro tamén se explorou a posibilidade de colaborar conxuntamente en temas de interese, tanto relativos á xestión forestal para a produción de madeira de calidade, como na aplicación da madeira para as novas construcións ou proxectos de rehabilitación. Así mesmo, tamén valoraron a posibilidade de introducir este material renovable e reutilizable nos novos proxectos ligados ao rural, como as aldeas modelo, así como na rehabilitación e ordenación de usos da finca de Lourizán (sita en Pontevedra) trala transmisión da súa titularidade á Xunta de Galicia realizada o mes pasado pola Deputación de Pontevedra.