Axencia Galega da Industria Forestal

A Xunta avanza que Abegondo estreará neste 2025 un novo centro de saúde de vangarda e confortable grazas a un investimento autonómico de 2,8 M€

Centro_saúde_madeira_Abegondo_1
  • A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas e o conselleiro de Sanidade visitaron esta mañá esta actuación, que acada xa o 30 % de execución
  • María M. Allegue subliña que se trata dunhas instalacións modernas, funcionais e acolledoras que substituirán as actuais, que teñen 35 anos, e permitirán atender a 5.000 pacientes
  • Detalla que nesta actuación cobra grande protagonismo o uso da madeira galega, un material que a Xunta está a fomentar na obra pública
  • Gómez Caamaño sinala que contará con 3 consultas de medicina xeral e de enfermería; unha de pediatría e enfermería pediátrica e 1 sala de educación maternal
Abegondo,

O concello de Abegondo contará este ano 2025 cun novo centro de saúde de vangarda e confortable grazas a un investimento da Xunta de 2,8 millóns de euros.

Así o destacaron a conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, M. Allegue, e o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, quen, xunto coa delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, supervisaron hoxe as obras do centro de saúde de Abegondo, que acada xa o 30 % de execución.

Esta nova infraestrutura situada no centro da vila suma unha superficie de 965 m2 útiles e permitirá atender a 5.000 pacientes.

M. Allegue subliñou que se trata dunhas instalacións modernas, funcionais, acolledoras e integradas na paisaxe. Salientou que humanizar este tipo de espazos e acadar lugares agradables para doentes e profesionais é fundamental.

Destacou o uso da madeira galega nesta actuación e lembrou que xa se empregou noutros novos centros de saúde executados pola Xunta, como por exemplo, o de Moaña.

Recordou a aposta do Goberno galego polo uso da madeira na obra pública. Recentemente, a consellería que dirixe asinou convenios coa Axencia Galega de Industria Forestal para fomentar este material no elevado volume de obra tanto no eido da vivenda como das infraestruturas.

Pola súa parte, o conselleiro de Sanidade adiantou que neste 2025 o Concello de Abegondo estreará novo centro de saúde, grazas a un investimento da Xunta de máis de 2,8 millóns de euros. Así, o municipio deixará atrás un centro de saúde con 35 anos, que xa quedou obsoleto, para pasar a outro de vangarda, moderno, confortable e accesible, desde o que se ofrecerá unha asistencia sanitaria de calidade.

Gómez Caamaño agradeceu a colaboración do Concello para conseguir unha parcela axeitada para a infraestrutura sanitaria e ben comunicada coa estrada autonómica e con servizos básicos como a Casa do Concello, a piscina, o pavillón de deportes, o colexio e o cuartel da Garda Civil.

Neste centro, o Servizo Galego de Saúde contará con 3 consultas de medicina xeral e de enfermería; unha de pediatría e enfermería pediátrica e 1 sala de educación maternal. Disporase tamén doutros espazos relevantes como unha sala polivalente preparada para realizar cirurxía menor ambulatoria, co que se evitarán desprazamentos ao hospital.

Outras actuacións
Por outra parte, a conselleira M. Allegue salientou que ademais do centro de saúde, o departamento que dirixe ten en marcha outras intervencións no municipio, pois está a avanzar na tramitación para executar sendas na estrada AC-542.

No eido da vivenda, lembrou que 5 veciños de Abegondo xa se beneficiaron das axudas a menores de 36 anos para a adquisición de vivenda en concellos de menos de 10.000 habitantes. Remarcou a importancia destas achegas para contribuír a fixar poboación en municipios máis pequenos.

 

Imaxes relacionadas