O director da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), Alfredo Fernández, participou na mesa redonda Retos e oportunidades para o impulso da construción con madeira en España, con especial enfoque en Galicia, no marco do encontro anual MassMadera
Puxo en valor as políticas que está a levar a cabo o Goberno galego a través da colaboración público privada para incrementar o emprego deste elemento e avanzar na descarbonización e dixitalización dos procesos produtivos
O director da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), Alfredo Fernández Ríos, avogou hoxe por impulsar o uso da madeira na construción mediante unha abordaxe integral da cadea monte-industria, que inclúa unha liña de apoios para facilitar a implantación e o seu uso nos procesos produtivos e poder avanzar no camiño da descarbonización.
Fernández Ríos asistiu ao encontro anual MassMadera, onde participou na mesa redonda Retos e oportunidades para o impulso da construción con madeira en España, con especial enfoque en Galicia. O director da Xera abordou durante a súa intervención as políticas que está a levar a cabo o Goberno galego para incrementar o emprego da madeira neste ámbito a través dunha visión de conxunto que inclúe apoios ao sector produtor pero tamén á industria da transformación, xunto con medidas de xestión do territorio.
Trátase, segundo explicou, de impulsar a innovación e a investigación, tanto no ámbito da mellora forestal como na obtención de novos produtos e servicios; e de buscar solucións innovadoras e sustentables para acadar un sector da construción neutro en carbono, tal e como marca a Unión Europea. Uns obxectivos para os que Galicia conta co CIF de Lourizán e o CIS Madeira como centros de referencia. Pero a Administración galega tamén traballa para dar resposta ás necesidades da industria e da sociedade a través da colaboración público-privada.
Alfredo Fernández aproveitou para destacar o compromiso do Goberno da Xunta para impulsar o emprego da madeira no eido da construción pública establecendo o obxectivo de que, progresivamente, o 20 % das edificacións da Administración pública galega empreguen este elemento na súa estrutura
Finalmente, o director da Xera lembrou que nos últimos catro anos, a Xunta leva concedidas axudas por importe de 8,2 millóns de euros para impulsar o emprego da madeira estrutural, tanto para a redacción de proxectos como para a execución de obras. Unha liña de apoios da que se beneficiaron preto de 550 persoas desde o ano 2020.