A Xunta avoga por seguir colaborando coa Fundación Arume para responder ás necesidades das empresas da industria forestal-madeira

26062026 XeraArume

O director da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), Alfredo Fernández Ríos, e a directora xeral de Planificación e Ordenación Forestal, Luisa Piñeiro, asisten ao Padroado da Fundación Arume

Fernández Ríos lembrou que o Goberno galego xa aprobou o Plan director da Industria forestal que mobilizará preto de 114 millóns de euros con 88 medidas orientadas a impulsar a innovación e xerar emprego estable e de alto valor engadido

Pola súa banda, Luisa Piñeiro destacou o compromiso do Goberno autonómico na loita contra a banda marrón do piñeiro

Ames (A Coruña),

O director da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), Alfredo Fernández Ríos, xunto coa directora xeral de Planificación e Ordenación Forestal, Luisa Piñeiro, participaron hoxe en Ames no Padroado da Fundación Arume onde avogaron por seguir traballando conxuntamente para responder ás necesidades das empresas da industria forestal-madeira.

Fernández Ríos destacou que a cadea forestal-madeira en Galicia aglutina xa a máis de 3.300 empresas e xera preto de 2.500 millóns de euros de facturación e máis de 19.400 empregos directos.

Neste marco, lembrou que este mesmo mes o Goberno galego aprobou o Plan director da industria forestal 2026-2028, unha gran folla de ruta para consolidar un sector clave para a economía galega e reforzar a súa posición como referente nacional e internacional.

Este plan, elaborado en colaboración coas principais empresas, traballadores, agrupacións industriais e centros tecnolóxicos do sector, mobilizará preto de 114 millóns de euros e inclúe 88 medidas orientadas a impulsar a innovación, a dixitalización, a sustentabilidade e a competitividade das empresas co obxectivo de xerar emprego estable, de calidade e de alto valor engadido.

Pola súa banda, a directora xeral de Planificación e Ordenación Forestal, Luisa Piñeiro, destacou o compromiso do Goberno autonómico na loita contra a banda marrón do piñeiro, unha aposta que se materializa co apoio a particulares afectados.  Así, Medio Rural está a ofrecer, por segundo ano consecutivo, tratamentos gratuítos para facer fronte a esta enfermidade.

Deste xeito, os propietarios dispoñen dun servizo que se ofrece desde o Goberno galego en colaboración coa Fundación Arume, que desempeña un papel de carácter técnico centrado na identificación de superficies, o contacto cos particulares e o impulso da xestión forestal conxunta.

Imaxes relacionadas