O director da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), Jacobo Aboal, asiste a unha demostración do funcionamento de TRAZAMAD, unha plataforma de xestión da trazabilidade da madeira desde o monte ata a fábrica
O director da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), Jacobo Aboal, subliñou hoxe que a Xunta concedeu este ano máis de 237.000 euros para a dixitalización das empresas da cadea monte-industria. Segundo explicou estas axudas contribúen a achegar valor ao sector a través de solucións especializadas para a xestión do transporte e do rastrexo da madeira.
Aboal, asistiu a unha demostración do funcionamento da plataforma dixital TRAZAMAD destinada á xestión da trazabilidade da madeira desde o monte á fábrica, onde puxo en valor os apoios da Xunta para a implantación de sistemas de dixitalización que permiten mellorar a competitividade das pequenas e medianas empresas que conforman toda a cadea de valor da industria forestal ao tempo que se aposta por procesos de produción con menos impacto ambiental.
A plataforma TRAZAMAD acaba de ser implantada en 13 empresas que se beneficiaron destas axudas do Goberno galego para segunda transformación e ecoinnovación de produtos forestais e a dixitalización e mellora da seguridade e saúde na contorna laboral da industria forestal galega.
Este instrumento vincula a rematantes, transportistas e industria co que facilita as xestións de operacións e frotas, e incorpora cartas de porte, tickets de báscula e albarás dixitais, e automatiza os controis de acceso ás instalacións industriais e ofrece garantías do rastrexo da madeira.
Así, segundo explicou o director da Xera, a plataforma é un exemplo de como as solucións dixitais poden poñerse ao servizo da cadea monte-industria coa finalidade de optimizar as operacións loxísticas, facilitar o cumprimento da normativa sectorial, e a garantía da madeira.