Axencia Galega da Industria Forestal

A Xunta convoca 4 millóns de euros en axudas para á valorización e á segunda transformación da industria forestal madeira e do contract

GIF axudas
  • Esta convocatoria incorpora diversas novidades, como a inclusión de dúas novas liñas de achegas, centradas na ecoinnovación e dixitalización, e a simplificación dos trámites administrativos
  • Estas achegas contribuirán á consolidación das pequenas e medianas empresas que conformar este sector, o que lles permitirá gañar en competitividade e apostar por procesos de produción con menor impacto ambiental
  • Están enmarcadas enmarcada na Axenda de impulso forestal-madeira, unha folla de ruta deseñada conxuntamente cos principais axentes do sector para potencialo e impulsar a bioeconomía como motor de competitividade, favorecendo unha sociedade saudable e neutra en carbono
  • Poderán beneficiarse destas axudas aquelas pequenas e medianas empresas da industria forestal e do contract que utilicen madeira e os seus derivados como materia prima para a elaboración dos seus produtos
  • O prazo de presentación de solicitudes será dun mes a partir do día seguinte ao da súa publicación
Santiago de Compostela,

A Consellería do Medio Rural convoca 4 millóns de euros en axudas para á valorización, segunda transformación e ecoinnovación de produtos forestais e á dixitalización e mellora da seguridade e saúde na contorna laboral da industria forestal galega e do contract no período 2024-2025. Este orzamento está bianualizado cun investimento para este exercicio 2024 de 0,755 M€, sendo os restantes 3,245 M€ correspondentes á anualidade 2025.

Trátase dunha liña de achegas que contribue á consolidación das pequenas e medianas empresas que conforman este sector, o que lles permitirá gañar en competitividade e apostar por procesos de produción con menor impacto ambiental. Ademais, está enmarcada na Axenda de impulso forestal-madeira, unha folla de ruta deseñada conxuntamente cos principais axentes do sector para potencialo e impulsar a bioeconomía como motor de competitividade, favorecendo unha sociedade saudable, neutra en carbono, baseada no emprego verde e no consumo de produtos locais.

Poderán beneficiarse destas axudas aquelas pequenas e medianas empresas -incluídas persoas autónomas- da industria forestal e do contract que utilicen madeira e os seus derivados -resina, cortiza ou outros produtos de orixe forestal, exceptuando os produtos alimentarios-, como materia prima para a elaboración dos seus produtos.

Tamén poderán beneficiarse aquelas empresas que presten servizos de prevención de riscos laborais, así como as organizacións, fundacións e entidades sen ánimo de lucro, que teñan base asociativa e presten os ditos servizos ou sexan representativas ou estean relacionadas coa cadea de valor da industria forestal-madeira.

Liñas de axudas

Por primeira vez neste tipo de achegas -que se convocan anualmente dende o 2021- establécense seis liñas definidas en materia de accións subvencionables, cada unha delas dirixidas a diferentes obxectivos. A primeira está centrada a cuestións vencelladas coa competitividade e valorización e subvencionará actuacións como a compra de maquinaria, as obras e instalacións necesarias para a correcta instalación e funcionamento dos investimentos obxecto da subvención, entre outros.

A liña número dous refírese ao mobiliario, o contract e construción. Financia tamén a compra de maquinaria, neste caso a vinculada ao deseño e fabricación de mobiliario e de elementos para a construción. A maiores subvencionará outros bens de equipamento novos que formen parte do activo da empresa e interveñan no proceso produtivo obxecto do proxecto.

As certificacións, os ensaios e os informes son outra das liñas contempladas nesta convocatoria. Teñen como obxectivo a implantación e certificación da cadea de custodia de produtos forestais, de normativas de calidade e de xestión ambiental.

Por outra banda, no relativo a seguridade e saúde na contorna laboral, financiaranse servizos para a implantación e certificación do estándar en seguridade; para a creación, mellora e expansión de servizos de prevención mancomunados e medidas orientadas á minimización do risco de orixe e propagación de incendios, entre outros.

Novidades da convocatoria

Algunha das novidades que caracterizan esta convocatoria son a creación de dúas novas liñas de axudas, centradas na dixitalización e a ecoinnovación; ademais da simplificación administrativa, xa que a meirande parte da información se elimina mediante unha relación de declaracións responsables que se introducen no propio anexo de solicitude. Destaca tamén o aumento de 1,4 millóns de euros con respecto ao orzamento da anterior convocatoria.

A diferencia das anteriores convocatorias, a de 2024 contempla actuacións relacionadas coa dixitalización, a apoiar proxectos de dixitalización das persoas beneficiarias dende a implantación de sistemas de dixitalización, xa sexa dalgún proceso concreto ou de xestión integral especificamente deseñados, desenvoltos ou adaptados a un proceso concreto dentro do seu ámbito de actividade ate Implantar sistemas para o control e/ou mellora dos procesos produtivos. Neste sentido, fai referencia a sistemas de captura de datos, automatización ou supervisión remota, entre outros.

Por último, a liña de achegas vencellada coa ecoinnovación, dirixida a apoiar proxectos destinados a ecodeseñar produtos ou materiais que utilicen a madeira como materia prima, para conseguir desenvolvementos técnicos ou prototipos que melloren a pegada ambiental ao longo do ciclo de vida. Tamén ten como obxectivo impulsar aqueles proxectos ou solucións de economía circular, encamiñadas a previr o malgasto e recuperar o máximo valor dos materiais ou a introducir ferramentas para a análise dos aspectos ambientais que permitan á empresa identificar e, nalgúns casos, cuantificar os impactos ambientais asociados ás distintas fases do ciclo de vida en procesos produtivos vinculados coa madeira.

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte á publicación desta resolución. Mentres tanto, o prazo de xustificación será para a anualidade do 2024, ata o 15 de outubro de 2024 inclusive, e para a anualidade do 2025 ata o 15 de abril de 2025.