Axencia Galega da Industria Forestal

A Xunta convoca hoxe 9 M€ en axudas para investimentos en tecnoloxías e maquinarias forestais co gallo de impulsar aproveitamentos como o da resina

A Xunta convoca hoxe 9 M€ en axudas para investimentos en tecnoloxías e maquinarias forestais co gallo de impulsar aproveitamentos como o da resina
  • O DOG publica hoxe estas achegas, que se enmarcan na Axenda de impulso da industria forestal-madeira e que están destinadas a investimentos en tecnoloxías forestais, procesamento, mobilización e comercialización de produtos
  • Por primeira vez, establecen cinco liñas definidas: sobre a xestión forestal activa, sobre a madeira e a biomasa, sobre a castaña e a resina, sobre o valor engadido na primeira transformación da madeira e sobre a xestión empresarial
Santiago de Compostela,

Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución da Axencia Galega da Industria Forestal, dependente da Consellería do Medio Rural, pola que se convocan axudas destinadas aos investimentos en tecnoloxías forestais, procesamento, mobilización e comercialización de produtos. Esta convocatoria de achegas ten un orzamento total de 9 millóns de euros e poderán beneficiarse dela as microempresas, medianas e pequenas empresas (pemes) do sector forestal radicadas na nosa comunidade.

Como feito destacado, cabe mencionar que por primeira vez se establecen cinco liñas definidas para asegurar o investimento en maquinarias para a silvicultura, para o aproveitamento comercial da castaña e da resina ou para a clasificación estrutural de madeira. O principal obxectivo é impulsar a industria forestal-madeira e mellorar a competitividade das pequenas e medianas empresas galegas.

Precisamente, estas achegas foron postas en valor nunha visita realizada polo director da Axencia Galega da Industria Forestal, Jacobo Aboal, e polo director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan, a unha zona de produción de resina na comarca pontevedresa do Baixo Miño. Ambos salientaron -neste percorrido polos concellos de Tomiño, O Rosal e Oia- a importancia destas subvencións para dinamizar o sector forestal galego e máis concretamente os aproveitamentos de resina nos montes da nosa comunidade.

Liñas da convocatoria

A primeira liña das axudas publicadas hoxe no DOG contempla todo o relativo á xestión forestal activa, un piar fundamental en materia de desenvolvemento rural. Refírese aos tratamentos silvícolas, que conducen cara á creación dun conxunto de árbores con condicións excelentes para obter produtos de valor engadido. Deste xeito, está dirixida á maquinaria necesaria para levar a cabo operacións silvícolas, como procesadoras e taladoras.

En canto á segunda, esta refírese á madeira e biomasa, relacionada co acondicionamento e instalacións en parques intermedios de rolla, con maquinaria como autocargadores, arrastradores forestais e tractocargadores completos, así como procesadoras, taladoras e outros equipamentos de corta. Tamén poden ser obxecto de axuda a maquinaria específica, apeiros e implementos que permiten un aproveitamento comercial de biomasa forestal no monte, asteladoras con capacidade de recollida, empacadoras, colleitadoras ou procesadoras de biomasa.

A terceira liña dedícase á maquinaria específica ou equipamentos que permitan un aproveitamento comercial da castaña ou da resina no monte, así como ao acondicionamento e instalacións de parques intermedios de almacenamento e/ou clasificación. Esta medida tamén vai dirixida a bens de equipo e instalacións en empresas de recollida, manexo, clasificación, acondicionamento e comercialización de resina ou castaña, neste último caso segundo o contemplado no Programa estratéxico do castiñeiro e da produción da castaña.

No que atinxe á liña dedicada ao valor engadido na primeira transformación da madeira, é a primeira vez que se inclúe unha sección específica dirixida a posibilitar a compra de equipos portátiles para a clasificación estrutural de madeira, para a maquinaria e instalacións de primeira transformación destinadas á clasificación automática por calidade da materia prima e de produtos serrados intermedios ou finais. Tamén, para maquinaria e instalacións destinadas á obtención de produtos de maior valor engadido baseados na madeira serrada. A quinta e última liña abrangue os plans e ferramentas de xestión empresarial, dirixida á implantación da cadea de custodia de madeira certificada e/ou normativas de calidade ou garantía, marcado CE e plans de mellora de xestión empresarial.

Axenda de impulso da industria forestal-madeira

Estas axudas enmárcanse na Axenda de impulso da industria forestal-madeira, unha folla de ruta contempladas no Plan Forestal 2021-2040 “Cara á neutralidade carbónica” e deseñada conxuntamente cos principais axentes para potenciar o sector e impulsar a bioeconomía como motor de competitividade, favorecendo unha sociedade saudable, neutra en carbono, baseada no emprego verde e no consumo de produtos locais.

Para acadar estes obxectivos, definíronse catro eixes fundamentais, relativos á mellora do capital humano a través da formación, ao impulso da innovación, á cooperación e valorización e á competitividade, desenvolvemento e diversificación do sector. Por medio destes eixes e dun orzamento de 55,5 millóns de euros, a Axenda prevé mobilizar preto de 140 millóns de euros no reforzo da competitividade e da modernización dun sector clave no ámbito rural.

Enlace á resolución no DOG:

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2023/20230217/AnuncioG0520-110123-0003_gl.html

Imaxes relacionadas