A Xunta de Galicia destina máis de 16 M€ para que a cadea monte-industria mellore a súa competitividade a través da dixitalización e a innovación

Piñeiro

O Goberno convoca unha nova edición das liñas Xera-savia, Xera-tecno e Xera-valor co obxectivo de potenciar o sector e impulsar o aproveitamento, a transformación e valorización de produtos de orixe forestal como a madeira, a resina ou a castaña

O programa Xera-tecno conta cun orzamento de máis de 11 millóns de euros no marco do Plan estratéxico da PAC 2023-2027 para a realización de investimentos en tecnoloxías forestais e mobilización e comercialización de produtos do sector

O Goberno galego financia integramente cunha partida de 5 millóns de euros a liña Xera-valor, destinada ao impulso da valorización, da segunda transformación e ecoinnovación de produtos da cadea monte-industria e á dixitalización e mellora da seguridade

A nova convocatoria da liña Xera-savia, á cal se destina medio millón de euros, permitirá mellorar e reforzar a formación dos profesionais do sector, ademais de favorecer a participación de axentes clave na divulgación da utilidade da madeira e dos seus produtos derivados

Santiago de Compostela,

O Consello da Xunta de Galicia coñeceu esta mañá da nova convocatoria de axudas que vai lanzar a Axencia Galega da Industria Forestal (Xera) para mellorar a competitividade da cadea monte-industria e impulsar un sector que representa o 5,5 % da cifra de negocio total e conta con máis de 13.600 persoas ocupadas. En total, a Consellería de Economía e Industria, da que depende a Xera, vai destinar 16,5 millóns de euros a tres programas de axuda: o Xera-savia, o Xera-tecno e o Xera-valor, cos que o Goberno galego aspira a potenciar un sector que en 52 dos 313 concellos galegos, a industria de base forestal, representa máis do 30 % dos establecementos e en sete comarcas figura entre as tres primeiras actividades industriais. As bases das convocatorias sairán publicadas nas vindeiras semanas no Diario Oficial de Galicia (DOG).

Deste xeito, a Xunta activará proximamente o programa de apoios dirixido a persoas autónomas e pemes da industria forestal radicadas en Galicia: o denominado Xera-tecno. As axudas están destinadas á realización de investimentos en tecnoloxías forestais, así como para a mobilización e comercialización de produtos do sector e conta cun orzamento de máis de 11 M € no marco do Plan estratéxico da PAC 2023-2027.

A convocatoria establece 5 liñas de axudas: a liña 1. Xestión forestal activa, para a compra da maquinaria necesaria para realizar tratamentos silvícolas (podas, desbastamentos e rareos); a liña 2. Madeira e biomasa, dirixida ao acondicionamento e ás instalacións en parques intermedios de rolla ou biomasa e á compra de maquinaria para a corta e desembosque de madeira; a liña 3. Castaña e resina, para adquirir equipamentos para o aproveitamento comercial da castaña ou da resina; a liña 4. Valor engadido na primeira transformación da biomasa e da madeira, onde se inclúen equipamentos portátiles para a clasificación estrutural da madeira e maquinaria e instalacións de primeira transformación, entre outros; e a liña 5. Medición, rastrexabilidade e caracterización da madeira obxecto de aproveitamento, na cal se inclúen equipamentos de medición de inventario forestal, vehículos aéreos non tripulados e os seus accesorios como cámaras ou LIDAR, entre outros. Os apoios alcanzarán ata o 40 % dos gastos elixibles cun límite máximo de 200.000 euros para as liñas 1 e 4 e de 50.000 euros para a liña 5, mentres que as liñas 2 e 3 poderán recibir unha axuda máxima por solicitante de 160.000 euros.

Xera-valor, unha liña única a nivel estatal 

A segunda das liñas de axuda, Xera-valor, pon o foco na posta en valor e no peche do ciclo produtivo dos recursos forestais na Comunidade a través do impulso da segunda transformación, de maneira que se aproveitan as oportunidades que está a xerar o incremento de produtos derivados da madeira en diversos eidos como o da construción ou o segmento do contract, no cal Galicia é punteira a nivel internacional. Trátase dunha axuda única a nivel estatal cuxo orzamento ascende a 5 millóns de euros financiados con fondos propios. 

Para iso, a convocatoria aprobada esta mañá recolle seis liñas de axuda. A liña 1. Competitividade e valorización, está destinada á adquisición de novo equipamento para a transformación de produtos de orixe forestal non alimentario, así como para os procesos de secado e doutros tratamentos e acabamentos da madeira. A liña 2. Mobiliario, contract e construción, facilita a compra de maquinaria nova vinculada ao deseño e á fabricación de mobiliario e á fabricación de elementos para a construción. No caso da liña 3. Dixitalización, recolle apoios para a xestión integral, dixitalización de procesos e sistemas para a xestión do ciclo de vida, ciberseguridade, intelixencia artificial ou automatización e sensorización, entre outros. 

No caso da liña 4. Certificacións, ensaios e informes, poderán solicitala aqueles que queiran implantar e certificar a cadea de custodia de produtos forestais, de normativas de calidade e de xestión ambiental, informes, servizos, bens de equipamento, tecnoloxías e obras de acondicionamento necesarios para a obtención de certificados ou selos de calidade e ambientais. Tamén para marcas colectivas rexistradas ou para a implantación da marcación CE de produtos de orixe forestal, entre outros. 

A liña 5. Seguridade e saúde na contorna laboral está dirixida á incorporación de servizos para a implantación e certificación do estándar ISO 45001 –xestión da seguridade e saúde no traballo- ou medidas para reducir os riscos de orixe e propagación de incendios. E, finalmente, a liña 6. Ecoinnovación está dirixida ao ecodeseño de produtos ou materiais con madeira, a implantación de solucións de economía circular, así como para introducir ferramentas que permitan analizar diferentes aspectos ambientais nas fases do ciclo de vida. 

A convocatoria Xera-valor está dirixida principalmente ás pemes do sector forestalmadeira, así como ás asociacións da cadea de valor e empresas que presten servizos de transporte de mercadorías por estrada no caso da liña 3, e de pemes de calquera sector que desenvolvan solucións ecoinnovativas con madeira, no caso de solicitar apoios no marco da liña 6. E no que respecta á intensidade das axudas, esta será do 50 % ata un máximo de 60.000 euros en todas as liñas agás no caso de actuacións encadradas nas liñas 1 e 2, que será de 250.000 euros. Ademais, os apoios poderán ser do 70 % no caso da liña 3 se a actuación consome servizos web da Xunta ou se se trata de proxectos que empreguen a ferramenta gratuíta de rastrexabilidade Fortra.

Formación e divulgación a través do Xera-savia

Finalmente, a Administración galega busca mellorar e reforzar as habilidades profesionais do persoal traballador do sector para incrementar a competitividade e o coñecemento en todas as fases da cadea de valor a través do programa de axudas Xerasavia. Cun orzamento de medio millón de euros, inclúe tres liñas de actuación, tanto para actividades formativas non regradas de carácter específico, como as de carácter transversal, e mesmo accións de divulgación para dar a coñecer a industria forestalmadeira e a súa cadea de valor. 

Xera-savia esta destinada a asociacións, organizacións, fundacións de interese galego e entidades sen ánimo de lucro que teñan base asociativa e sexan representativas da cadea de valor da industria forestal-madeira. Tamén a agrupacións empresariais innovadoras (AEI), os centros universitarios e colexios profesionais representativos da industria forestal-madeira galega. Todos eles poderán optar ao 100 % da axuda cun límite máximo de 70.000 euros por entidade beneficiaria. 

O sector forestal foi declarado estratéxico polo Goberno galego en febreiro de 2024 e o pasado 19 de xaneiro, o Consello da Xunta de Galicia daba conta dos avances na tramitación do plan director para o sector, ferramenta que marcará a folla de ruta desta industria nos vindeiros anos para potenciala, incrementar a súa competitividade e xerar emprego de calidade.