A Xunta destaca o compromiso do sector forestal galego na descarbonización dos procesos produtivos

HVS

O director da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), Alfredo Fernández Ríos, visita as instalacións da empresa Hijos de Vicente Suárez na localidade coruñesa de Outes, onde levan a cabo a reciclaxe da madeira procedente das bateas

Outes,

 

O director da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), Alfredo Fernández Ríos, subliñou esta mañá a aposta da industria forestal galega pola descarbonización do sector a través da implantación de procesos de produción sustentables baseados na economía circular.

Fernández Ríos realizaba estas declaracións tras visitar a firma Hijos de Vicente Súarez na localidade coruñesa de Outes. Unha empresa constituída en 1986 e dedicada ao serrado e elaboración de pezas de madeira de eucalipto de grandes dimensións que recentemente engadía unha segunda liña de traballo: a reciclaxe da madeira procedente das bateas de mexillón.  

O director da Xera explicou que a reutilización da madeira das bateas permite obter un produto único para o seu emprego en usos construtivos ou para a decoración de interiores cunha importante variedade de produtos para envolventes, paramentos, remates e mobiliario. “A reciclaxe da madeira das bateas – subliñou - permite darlle unha segunda vida cun importante valor engadido como é a redución da pegada de carbono ademais de ser un excelente exemplo de economía circular, máis sustentable e competitiva”.

Alfredo Fernández Ríos tamén lembrou que Hijos de Vicente Suárez fai uso da ferramenta Fortra (Trazabilidade Forestal), a plataforma dixital impulsada pola Xunta de Galicia para que as empresas forestais e os consumidores poidan dar trazabilidade aos produtos baseados en madeira, rexistrando as operacións realizadas por todas as empresas que forman parte do proceso de transformación, dende que sae do bosque ata que chega ao mercado. E, ao fío, puxo en valor os apoios do Goberno galego para a implantación de sistemas de dixitalización que permitan mellorar a competitividade das pequenas e medianas empresas que conforman toda a cadea de valor da industria forestal ao tempo que se aposta por procesos de produción con menos impacto ambiental.