Cuenca, 19 de Xuño de 2026
O director da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), Alfredo Fernández Ríos, destacou hoxe en Cuenca que Galicia afianza o seu liderado nacional ao concentrar máis da metade da madeira aproveitada en España. A cadea forestal-madeira galega aglutina xa a máis de 3.300 empresas forestais e de transformación; e xera preto de 2.500 millóns de euros de facturación anual e máis de 19.400 empregos directos.
Fernández Ríos participou no acto conmemorativo do 25 aniversario do Forest Stewardship Council-FSC España onde tamén puxo en valor a aposta que está a facer a Xunta por impulsar a construción en madeira para xerar valor na industria forestal. Trátase dun encontro no que participan administracións, empresas, entidades e profesionais para reflexionar sobre o presente e o futuro da xestión forestal responsable e das cadeas de valor vinculadas ao monte.