A Xunta destaca que a madeira de piñeiro galego achega un valor diferencial ás empresas de carpintería en Galicia

Tecmodel
  • O director da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), Alfredo Fernández Ríos, visitou hoxe as instalacións da empresa Tec-Model Estrada, beneficiaria do programa de axudas da Xunta para a valorización de produtos en madeira
A Estrada,

O director da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), Alfredo Fernández Ríos, salientou hoxe que a madeira de piñeiro galego, certificada coa marca de garantía Pino de Galicia, achega un valor diferencial ás empresas dedicadas á carpintería e o deseño de mobiliario.

Fernández Ríos visitou hoxe na Estrada (Pontevedra) as instalacións de Tec-Model, unha empresa dedicada á fabricación de mobles e á instalación e mecanizado de diferentes obxectos en madeira que, dixo, “aposta pola calidade excepcional do piñeiro galego como a mellor credencial do valor que teñen os seus produtos”.

Tec-Model resultou beneficiaria o pasado ano do programa de axudas da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera) para a valorización de produtos en madeira, destinada, fundamentalmente, a empresas de segunda transformación e, tamén, do contract. Unha axuda que a esta empresa lle permitiu instalar unha nova liña de cepillado e moldurado da madeira cun investimento total de 65.000 euros que a Xunta subvencionou con máis de 32.000 euros.

Na visita, o director da Xera puxo de manifesto a importancia da trazabilidade de orixe na industria da madeira e lembrou que, con este motivo, este paquete de axudas convocado recentemente contempla unha liña específica para dixitalización e, outra, para certificacións e informes de calidade e xestión ambiental.

É unha convocatoria de apoios que este ano conta cun orzamento de 4,4 M€ e que, concluíu, aínda se poden solicitar ata o vindeiro 1 de agosto.

Imaxes relacionadas