O director da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), Alfredo Fernández Ríos, visitou hoxe no polígono industrial de Botos, en Lalín (Pontevedra), a carpintería JAR Novoa
Lembra que ata o 13 de marzo aínda están abertas as axudas da Xunta para as empresas da carpintería e do contract dedicadas á fabricación de mobiliario e de elementos para a construción en madeira
Lalín, 9 de Marzo de 2026
O director da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), Alfredo Fernández Ríos, destacou hoxe que o auxe da madeira na construción está a favorecer que cada vez sexan máis as empresas galegas dedicadas ao deseño e fabricación de mobiliario que traballan no canal contract.
Fernández Ríos visitou hoxe no polígono industrial de Botos, en Lalín (Pontevedra), a carpintería JAR Novoa, especializada na fabricación de mobles e interiorismo que, ademais do mercado particular, está tamén enfocada ao sector contract con proxectos a nivel internacional en países como Portugal, Francia ou Reino Unido.
Segundo apuntou, é unha das empresas beneficiarias das axudas da Xera para a adquisición de maquinaria; uns apoios cos que incorporou un centro de control numérico e un equipo de encolado, que lle permitiron incrementar a súa capacidade produtiva, reducir custos e mellorar a calidade e os acabados dos seus produtos.
O director da Axencia Galega da Industria Forestal aproveitou a visita para lembrar que esta liña de axudas, Xera-valor, cun orzamento de 4,5 millóns de euros, aínda está aberta ata o 13 de marzo, con apoios específicos para as empresas da carpintería e do contract dedicadas á fabricación de mobiliario e de elementos para a construción en madeira.