Cun investimento de arredor de 400.000 euros, estas instalacións servirán para acoller persoal e medios do dispositivo da Xunta
José González puxo de relevo a utilización que se está a facer da madeira de piñeiro e castiñeiro para fornecer esta edificación, que procurará a súa máxima integración no medio con materiais ecolóxicos e reciclables como elementos fundamentais
Este proxecto estase a desenvolver nunha parcela de preto de 46.000 metros cadrados, sendo a superficie construída de algo máis de 223 metros cadrados, en planta baixa
O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado polo director da Axencia Galega da Industria Forestal, Jacobo Aboal, e o alcalde de Muíños, Plácido Álvarez, supervisou o avance das obras da Base de Unidade Operativa (BUO) de Muíños. Cun investimento de arredor de 400.000 euros, estas instalacións terán como obxectivo acoller persoal e medios do dispositivo da Xunta para a loita contra os incendios forestais, destacou o conselleiro. Esta obra finánciase ao 100% con fondos React-UE como resposta da Unión á pandemia da COVID-19, no marco do Programa Operativo Feder Galicia 2014-2020.
Ademais, José González puxo de relevo a utilización que se está a facer da madeira de piñeiro e castiñeiro para fornecer esta edificación, que procurará a súa máxima integración no medio con materiais ecolóxicos e reciclables como elementos fundamentais. Deste xeito, tratarase dunhas instalación bioclimáticas coa máxima certificación enerxética.
A edificación contará con vestiarios e duchas, zona de cociña, comedor, elementos de descanso e un pequeno despacho. Disporá tamén dunha área exterior cuberta de aparcadoiro para vehículos. Neste sentido, a futura base actuará como un contedor de servizos de protección forestal, que poderá funcionar como nodo de todos os actores participantes neste labor, favorecendo a conciliación entre descanso e traballo dos bombeiros e axentes, sen esquecer a súa integración na contorna.
O proxecto estase a desenvolver nunha parcela de preto de 46.000 metros cadrados, sendo a superficie construída de algo máis de 223 metros cadrados, en planta baixa. Ademais, todos os elementos estruturais proxectados foron desenvolvidos por empresas e universidades galegas e a produción estase a realizar con madeiras locais, baixo a filosofía de quilómetro cero.