O Consello da Xunta vén de analizar un informe da Consellería do Medio Rural sobre a posta en marcha hoxe dunha nova plataforma web para fomentar o uso e manexo da madeira no sector da construción, elaborada entre a Axencia Galega da Industria Forestal e o Clúster da Madeira e o Deseño de Galicia.
Desta forma, preténdese dar debida resposta á demanda das arquitectas e arquitectos de Galicia en materia do uso da madeira en construción, creando un espazo compartido entre prescritores, tecnólogos, instaladores e fabricantes de madeira na nosa Comunidade que permita impulsar o uso deste material na construción de edificios públicos e de promoción privada dende o coñecemento compartido.
En concreto, búscase dar a coñecer as vantaxes que ofrece a madeira como material de construción, aclarando cuestións como o custo do seu mantemento, a súa durabilidade e a súa protección fronte aos incendios ou fenómenos naturais como episodios sísmicos.
Este portal web -desenvolvido tecnoloxicamente pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega)- é unha demanda histórica do Clúster da Madeira e o Deseño de Galicia, que persegue aportar toda a información necesaria aos prescritores, sobre o uso da madeira para fins estruturais en comparación con proxectos de formigón ou aceiro.
Características da plataforma
A plataforma web posúe diversas seccións, entre as que destaca o apartado de consultas. Nel, os tecnólogos do Centro de Innovación e Servicios Tecnolóxicos (CIS) da Madeira e do Clúster da Madeira e o Deseño de Galicia darán resposta ás dúbidas e consultas que poidan ter as arquitectas e os arquitectos en canto ao uso da madeira en construción. Ademais, ditas respostas elaboradas poderán logo consultarse de forma pública.
No apartado de recursos, poderase atopar información como entrevistas, publicacións, informes ou novas de interese, que completen a formación e coñecemento dos prescritores no mundo da madeira en Galicia. Ademais, na sección de axenda de formación estará a oferta da Fundación Laboral da Contrución de Galicia, do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, do Colexio de Oficial de Arquitectos Técnicos de Galicia, da Plataforma de Enxeñería da Madeira Estrutural (Pemade), dependente da Universidade de Santiago de Compostela (USC), da Universidade da Coruña (UDC), do Centro de Estudos Superiores Universitarios de Galicia (Cesuga), do Clúster da Madeira e o Deseño de Galicia e da Xunta de Galicia (entre outros), que están a programar de forma continuada xornadas, cursos, foros e relatorios técnicos para completar a formación universitaria dos prescritores.
Na parte práctica, está o apartado de proxectos, o cal ofrecerá información técnica e en detalle daquelas obras ou construcións xa realizadas, onde a madeira xogara un papel significativo. Para cada caso de estudo elaborouse unha ficha técnica co nome do promotor, prescritor, ano de construción e demais información, acompañada dunha explicación técnica sobre as solucións en madeira executadas, incorporando detalles dos produtos e materiais utilizados, así como un dossier técnico-fotográfico que poida servir aos prescritores para dispor de exemplos reais xa desenvolvidos.
Por último, a todos estes contidos irase sumando outro máis relacionado cos diferentes produtos e solucións en madeira con uso na construción que os diferentes fabricantes de Galicia poden poñer á disposición dos promotores, públicos e privados. O obxectivo é dar a coñecer dun xeito técnico e preciso as características dos materiais aos prescritores para que, nun único repositorio, poidan acceder ao conxunto dos diferentes produtos e poder dispoñer das fichas técnicas necesarias para o seu uso e manexo.