No marco do convenio de colaboración subscrito entre a Axencia Galega da Industria Forestal (Xera) e o COAG convócase unha nova edición do curso Introdución á construción con madeira que fomenta o uso deste material no eido da obra nova e da rehabilitación
A actividade desenvólvese de xeito on line ao longo de varias xornadas e inclúe a visita á Reitoral de Taboadela e á adega A Barouta da man da firma Maderas Rubén, empresa participante nos dous proxectos construtivos
A Axencia galega da Industria Forestal (Xera), dependente da Consellería de Economía e Industria, e o Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) promoven por segundo ano consecutivo o curso Introdución á construción con madeira, unha actividade formativa na que están a tomar parte 180 profesionais da arquitectura.
Con esta iniciativa, a Xunta de Galicia, en colaboración co COAG, quere promover e mellorar o coñecemento do uso da madeira no eido construtivo, tanto o seu emprego en obra nova como en proxectos de rehabilitación. Un sector en auxe tal e como amosa a boa acollida que tivo esta nova convocatoria da que inicialmente se ofertaron 100 prazas que se viron finalmente ampliadas ata as 180 para dar acubillo a todos aqueles que o solicitaron.
O curso arrancou o pasado 24 de outubro co primeiro dos cinco seminarios web que están tendo lugar a través da plataforma de formación do COAG e inclúe dúas visitas a espazos ou intervencións que tiveron a madeira como elemento principal. Tal é o caso da visita de hoxe á Reitoral de Taboadela e á Adega A Barouta, na que participaron 30 arquitectos que están a realizar o curso e nos que estiveron acompañados da firma Maderas Rubén, que interveu nos dous proxectos.
O Executivo autonómico ten un compromiso claro coa consolidación dun sector forestal forte, sustentable e adaptado aos tempos, un compromiso co sector da madeira que ten unha tradución en materia de vivenda. Deste xeito, ademais das axudas publicadas para impulsar a construción con madeira no ámbito privado por importe de 5 millóns de euros, a Xunta márcase o obxectivo conxunto de que progresivamente o 20 % das edificacións da Administración pública galega empreguen madeira na súa estrutura.
Para acadar este obxectivo, chegouse a acordos de colaboración entre organismos públicos como o subscrito entre XERA e o SERGAS, ou entre a XERA e a Axencia Galega de Infraestruturas (AXI) e o Instituto Galego de Vivenda (IGVS) para que se incorpore na medida do posible o uso da madeira nas infraestruturas promovidas e/ou executadas por ditos organismos.