O director da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), Alfredo Fernández Ríos, inaugurou esta mañá en Lugo a xornada de peche do convenio de colaboración entre as dúas institucións denominado Madeira en valor
Subliña que o acordo permitirá avanzar no coñecemento das propiedades dunha especie que representa a maior superficie arborada de Galicia e cuxo aproveitamento está infrautilizado na cadea de valor
Santiago de Compostela, 28 de Abril de 2026
O director da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), Alfredo Fernández Ríos, destacou esta mañá as posibilidades que ofrece o emprego da madeira de castiñeiro no eido da construción e a necesidade de seguir avanzando no seu estudio e emprego en distintas aplicacións. “Avanzar no coñecemento, na xestión e valorización da madeira de frondosas é un reto para o sector monte-industria – subliñou – porque estamos ante unha especie infrautilizada que representa a maior superficie de formación forestal arborada de Galicia segundo os últimos datos publicados no Inventario forestal continuo e cuxos usos poden achegar importantes beneficios para toda a cadea de valor”.
Fernández Ríos participou esta mañá en Lugo na inauguración do acto de clausura do convenio de colaboración asinado entre a Xera e a Plataforma de Enxeñería da Madeira Estrutural (Pemade) da Universidade de Santiago de Compostela. O acordo denominado Madeira en valor permitiu avanzar no estudio das propiedades desta especie arbórea e as súas posibilidades na industria da construción.
Os traballos, lembrou Alfredo Fernández, desenvolvéronse ao longo dos tres últimos anos e deron como froito a elaboración dunha guía técnica na que se aborda o comportamento do castiñeiro a nivel estrutural a medida que se vai secando, do seu aserrado, laminado e uso en materiais mixtos como os forxados formigón-madeira.
Neste punto, o director da Xera destacou que este tipo de estruturas nas que se combinan ambos elementos contribúen á descarbonización do sector da construción ao permitir que se reduzan as cantidades de formigón que se empregan. “Un paso importante - asegurou – no proceso de transición cara unha economía máis verde e sustentable”.
O convenio tamén facilitou aos profesionais do sector o acceso gratuíto a unha nova ferramenta de cálculo de elementos estruturais (forxados, cubertas, columnas...) que, ademais, favorece a promoción do uso da madeira local de calidade e incrementa o valor destes produtos.
Finalmente, Alfredo Fernández Ríos agradeceu a labor de Pemade e a súa “vocación de traballo coa cadea de valor do sector forestal-madeira, sempre apoiando os novos desenvolvementos e emprego da madeira no eido da construción”.