O director da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), Alfredo Fernández Ríos, clausurou hoxe a xornada sobre Historia e proceso de rehabilitación da Finca de Lourizán, celebrada na Escola de Enxeñaría Forestal de Pontevedraa
Asegura que o obxectivo do proxecto de rehabilitación non é só recuperar o valor histórico do pazo, senón tamén “transformalo nun modelo de modernidade e ecoloxía acorde cos desafíos contemporáneos”
O director da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), Alfredo Fernández Ríos, destacou hoxe o valor histórico e patrimonial do Pazo de Lourizán que erixiu, tamén, como “símbolo da investigación forestal” que se está realizando a nivel nacional.
Fernández Ríos clausurou hoxe a xornada Historia e proceso de rehabilitación da Finca de Lourizán, celebrada na Escola de Enxeñaría Forestal de Pontevedra, que contou coa participación, entre outros, da arquitecta do estudo responsable das obras de remodelación do pazo, Carme Pinós, da UTE Pinós-Enrich, e do do catedrático de Historia Contemporánea da USC Ramón Villares Paz.
O director da Xera apuntou que o pazo “contribúe significativamente á conservación e ao estudo da flora rexional, europea e mundial, posto que forma parte dun complexo de 52 hectáreas que da cabida ao Centro de Investigacións Forestais de Lourizán (CIF Lourizán), a escola de capataces forestais e o xardín botánico, con máis de 850 especies arbóreas diferentes.
“Non só a súa historia é importante, senón tamén o presente e o futuro da investigación forestal para dar resposta ás necesidades do sector ante o escenario de cambio climático, o reto de facer un aproveitamento sustentable do territorio e as necesidades da industria para satisfacer as demanda”, abondou.
Sobre o proxecto de rehabilitación, Fernández Ríos asegurou que o obxectivo non é só recuperar o valor histórico do pazo, senón tamén “transformalo nun modelo de modernidade e ecoloxía acorde cos desafíos contemporáneos”, dixo. Trátase, proseguiu, de facer unha “asignación de usos coherente”. “Non só recuperar o seu esplendor orixinal, senón mellorar as súas condicións e uso público”, sinalou.
Ao respecto, concluíu indicando que unha vez que xa está listo o proxecto básico, a partir de agora redactarase o proxecto de execución para licitar a obra.