A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, mantivo hoxe un encontro con responsables desta organización
O convenio contempla unha subvención de 164.482 euros entre os anos 2026 e 2027 e recolle diversas actuacións, entre as que destaca a reformulación da marca de garantía ‘Pino de Galicia’
A Fundación Arume é unha das principais organizacións do sector forestal-madeira enfocada de maneira específica á recuperación e o desenvolvemento da madeira de piñeiro e á bioeconomía
Santiago de Compostela, 10 de setembro de 2026, 10 de Setembro de 2026
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, asinou hoxe un convenio coa Fundación Arume para o estudo, dinamización e posta en valor da cadea monte-industria vinculada, en concreto, ao piñeiro e á marca ‘Pino de Galicia’. O acordo contempla unha subvención de 164.482 euros entre os anos 2026 e 2027 e recolle diversas actuacións.
En primeiro lugar, en base a este acordo entre a Axencia Galega da Industria Forestal (Xera) e a Fundación Arume, farase un estudo estratéxico da cadea de valor do piñeiro de Galicia, desde o monte ata os produtos finais, e analizarase a vertente económica, social, ambiental, territorial, industrial e de mercado para dimensionar o seu valor e relevancia.
Tamén se reformulará a marca de garantía ‘Pino de Galicia’. Farase unha análise do posicionamento actual e, en base aos resultados, deseñarase unha estratexia de rebranding para complementar as necesidades detectadas ademais de incluír novos produtos, revisar procesos de certificación e acreditación e redefinir a misión, visión e valores da marca.
O convenio recolle, ademais, accións de divulgación, como encontros intersectoriais e actividades para os máis novos. Neste sentido, organizaranse, por exemplo, dúas novas edicións do encontro intersectorial ‘Piñeiros’, no que se dan cita profesionais da cadea forestal-madeira.
A Fundación Arume é unha das principais organizacións do sector forestal-madeira enfocada de maneira específica á recuperación e o desenvolvemento da madeira de piñeiro e á bioeconomía. Fundouse en xullo de 2019 e intégrana empresas, serradoiros e outras entidades vinculadas a esta industria en Galicia.