Santiago de Compostela, 7 de Outubro de 2026
O director da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), Alfredo Fernández Ríos, mantivo esta mañá unha xuntanza na sede da Xera con representantes da Asociación Promotora da Resinación dos Montes en Galicia (Promoresina), na que avaliaron as novas técnicas que se están a desenvolver para mellorar a extracción de resina e avanzar cara a un uso máis eficiente e sustentable dos montes galegos.
Fernández Ríos destacou que a resinación, o proceso de extraer resina de coníferas como os piñeiros con técnicas que permiten recollela sen danar e sen talar a árbore, ofrece novas oportunidades para aproveitar de forma responsable os montes, xerar actividade económica e reforzar a competitividade da cadea forestal-madeira, especialmente a través de produtos cun maior valor engadido. Neste sentido, salientou a importancia da formación e o apoio do Goberno galego ás actividades formativas que, no caso de Promoresina, xa permitiu a organización de tres cursos especializados nesta técnica, contribuíndo a mellorar os coñecementos dos profesionais do sector.